Paralización do anteproxecto de lei de acuicultura

www.luisdavila.net
www.luisdavila.net
Paralización do anteproxecto de lei de acuicultura

No pleno do Parlamento de Galiza desta mañá, e a preguntas do voceiro do BNG, o presidente da Xunta anunciou o que nas súas palabras é “un alto”  na tramitación do anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza.

www.luisdavila.net

Desde o BNG de Noia non podemos máis que felicitarnos por esta primeira batalla gañada na loita que emprendemos aló polo mes de novembro, cando levamos ao pleno do concello a que foi a primeira moción pedido a retirada do anteproxecto de lei que se debatía en todo o país. Aquela primeira moción xunto con ducias delas que se presentaron en diferentes concellos e, sobre todo, a mobilización unánime de todo o sector, conseguiron esta pequena vitoria diante do afán privatizador do goberno do Partido Popular.

Dicimos que isto é una pequena vitoria porque o noso obxectivo segue sendo a retirada definitiva do anteproxecto e o inicio de conversas co sector. Polo tanto, seguiremos atentas ao devir dos acontecementos.

Cremos que é obrigada a dimisión (ou  directamente o cese) da conselleira do mar, que foi incapaz de sentarse a falar co sector e que agora queda desautorizada tamén polo seu presidente. Na nosa opinión, Rosa Quintana carece de lexitimidade para reconducir a situación, logo de pasar os últimos meses descualificando publicamente  as protestas do sector.

Por último, queremos felicitar aos traballadores e traballadoras do mar pola capacidade de unión e reacción ante un anteproxecto de lei que poñía en perigo o seu xeito de vida. A eles e a elas quédalles, igual que a nós, a tarefa de manter a vixilancia para que as promesas de diálogo do presidente se transformen en realidades; sendo sempre conscientes de que os estímulos que alimentaban a voracidade privatizadora do anteproxecto de lei seguen aí, tan ameazantes coma sempre.