Denunciamos o incumprimento do acordo plenario sobre a recuperación do vello campo de fútbol de San Lázaro

O BNG DE NOIA DENUNCIA O INCUMPRIMENTO FLAGRANTE POR PARTE DO GOBERNO DE SANTIAGO FREIRE DO ACORDO PLENARIO SOBRE A RECUPERACIÓN DO VELLO CAMPO DE FÚTBOL DE SAN LÁZARO

Denunciamos o incumprimento do acordo plenario sobre a recuperación do vello campo de fútbol de San Lázaro

En febreiro de 2017, con motivo do Día Mundial dos Humidais, o BNG de Noia denunciaba o estado da zona da xunqueira de San Lázaro, na desembocadura do río Tállara na nosa ría, que no pasado foi obxecto de recheos e que na actualidade é obxecto de verteduras directas e que presenta un evidente estado de deterioro. Así, en abril de 2017, foi levado ao pleno a proposta por parte do noso grupo de que fosen impulsadas e implementadas durante o presente mandato todas as medidas e actuacións precisas para a recuperación do humidal do barrio de San Lázaro, entre as cales se atoparía a recuperación da zona na que se comprende o antigo campo de adestramento, así como control das verteduras.

Hoxe, mais dun ano despois da adopción de dito acordo, aprobado co voto favorable de todos os grupos políticos da Corporación, incluidos o PP e o NOIA, a prensa fai eco da decisión unilateral do goberno de Santiago Freire de incumprir de xeito flagrante aquel acordo unánime e converter o vello campo de fútbol nun aparcadoiro, facendo irromper os vehículos nunha zona frecuentada por deportistas e veciños que buscan gozar dunha contorna natural tranquila, sen esquecer que en dita zona conviven distintas especies animais e vexetais.

Desde o BNG non podemos mais que denunciar a actitude antidemocrática do goberno presidido por Santiago Freire, que non respecta os acordos plenarios, convertendo así os Plenos nun mero trámite sen auténtica forza democrática e amosar a nosa disconformidade coa política centrada nos vehículos tan propia do Partido Popular, que esquece ás persoas e a mellora da calidade de vida das mesmas coa recuperación e mantemento de espazos naturais.

Enlaces:

http://noia.bng.gal/articulo/novas-bng/no-dia-mundial-humidais/20170201154718001119.html

https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/noia/2018/08/17/parcela-san-lazaro-sera-acondicionada-parking/0003_201808B17C3991.htm