O BNG DE NOIA NON APOIARÁ O ORZAMENTO PARTIDISTA DO GOBERNO NOIÉS.

Orzamentos municipais 2017

20170227_120349
Irati García e Mini Rivas con militantes do BNG de Noia
Orzamentos municipais 2017

O BNG de Noia quere destacar a ausencia de negociación dun orzamento que chega tres meses tarde, xa que ante a incapacidade do goberno presidido por Santiago Freire, o concello veuse abocado a prorrogar o orzamento do ano 2015. Esta ausencia de negociación deuse tanto a nivel político como cos representantes dos traballadores e traballadoras do Concello de Noia.

A asemblea do BNG de Noia estima que o Partido Popular ten unha concepción ostentosa e partidista do investimento público. Ostentosa por darlle prioridade a grandes obras que non constitúen unha necesidade inmediata para o pobo noiés en detrimento da conclusión do saneamento integral, que estimamos de imperiosa necesidade para que a actividade económica máis importante da zona, o marisqueo, teña o futuro garantido. Así, neste orzamento imposto polo actual executivo, do total destinado a investimentos, só se destinará o 6,33% do total a saneamento. Algo intolerable para o BNG en coherencia co programa co que nos presentamos ás últimas eleccións municipais en Noia.

Chama poderosamente a atención o incremento das transferencias recibidas por parte doutras administracións cun incremento en relación ao anterior orzamento de máis do 200% (é dicir de 367.192,08 € ata 1.102.191,98 €). Isto non é máis que unha clara mostra do reparto arbitrario de fondos públicos en función da cor política de quen goberno no Concello en cada momento.

Estes orzamentos, que en palabras do actual alcalde do Partido Popular priorizan o gasto social, realmente recollen un incremento desigual nas contías destinadas ás distintas entidades sociais que prestan no noso concello un servizo de indiscutible necesidade, priorizando a unha entidade vinculada á Igrexa Católica, que debera contribuír ao sostenemento dos servizos públicos co pago do IBI, sobre outras entidades que tamén están a prestar servizos comunitarios de inestimable importancia que deberan ser prestados polas administracións públicas ou contar cun maior apoio orzamentario por parte das mesmas. A este respecto, non podemos esquecer que o actual alcalde de Noia contribuiu a mermar os servizos públicos defendendo e apoiando as políticas de recortes do Partido Popular na súa etapa como deputado.

Orzamentos municipais 2017