ACTUACIÓN NECESARIA PERO QUE DESVIRTÚA O CONXUNTO

Remodelación dos xardíns de Felipe de Castro

Estado orixinal dos xardíns
Estado orixinal dos xardíns

NON PARTILLAMOS DA PRETENSIÓN DO GOBERNO LOCAL DE EMPEDRAR O CORREDOR CENTRAL DOS XARDÍNS DE FELIPE DE CASTRO.

Remodelación dos xardíns de Felipe de Castro

Analizadas as solucións propostas no anteproxecto para a recuperación, restauración e posta en valor dos Xardíns de Felipe de Castro, promovido polo Concello de Noia cun orzamento final por contrata de 362.346,00 €,  temos que dicir que non partillamos de parte das mesmas, sen deixar de recoñecer que a intervención é necesaria dado o estado no que se atopa toda a contorna.

Cando o anteproxecto técnico analiza as actuacións habidas nos últimos decenios na mesma alameda e no seu ámbito de influencia, desliza unha crítica implícita sobre unha parte das mesmas, coma a do embaldosado realizado no ano 1968, repetindo agora unha solución semellante (o empedrado) para o corredor central dos xardíns que non nos parece a máis acaída por desvirtuar o último vestixio do que foi a alameda primixenia.

Para nós a solución ideal sería a de manter o solo de toda a contorna a base de terra batida, ou coma recolle o anteproxecto técnico para os camiños interiores dos xardíns, a base de xabre cemento ou similar. Agardemos que a autorización preceptiva da Comisión Territorial do Patrimonio Cultural poña cautelas á intervención prevista, no sentido proposto por nós, e que a mesma intente respectar o aspecto primixenio dos Xardíns de Felipe de Castro.