Resposta ao PSOE de Lousame en relación aos verquidos da mina de San Fins

Mina San Fins (Fonte: ADEGA)
Mina San Fins (Fonte: ADEGA)

Dende o BNG de Muros-Noia vémonos na obriga de respostar ás manifestacións realizadas pola agrupación socialista do concello de Lousame nas que consideramos que realizan unha manipulación torticeira da realidade e das reivindicacións que tanto o BNG como outros partidos e colectivos e asociacións ecoloxistas levamos realizadas en relación á solicitude da Empresa TUNGSTEN SAN FINX, S.L. de autorización para a vertedura ao río Pesqueira ou rego de Rabaceiros (cunca da ría de Muros e Noia) dun caudal máximo anual de 1.159.552 m3/ano de augas residuais industriais depuradas procedentes da explotación mineira de estaño e wolframio localizada no lugar das Minas de San Fins – Vilacova, no Concello de Lousame.

Resposta ao PSOE de Lousame en relación aos verquidos da mina de San Fins

En primeiro lugar cómpre destacar que en ningún momento foron relacionadas a precaria campaña marisqueira actual coa solicitude da autorización do vertido, dado que a concesión de dita autorización non se tiña producido durante a presente campaña, por estar o correspondente procedemento administrativo aínda en curso. Alén disto, é de dominio público que os malos resultados da campaña actual son debidos aos peches por presenza de toxina e ao sistema de poxas que non está garantido un prezo mínimo digno na venda do berberecho da nosa ría, cuestións que tanto dende a Plataforma en Defensa do Mar da Comarca de Muros-Noia como dende o BNG se veñen denunciando reiteradamente.

En segundo lugar, non podemos mais que amosar a nosa sorpresa ante a seguinte afirmación, que transcribimos de xeito literal: "Tamén temos constancia de que as análises das augas que fai ADEGA son recollidas en lugares alleos á propia mina. Gustaríanos que se fixeran máis lonxe dun kilómetro da explotación para comprobar o nivel de mineráis que levan."

En maio deste ano membros de ADEGA acompañados por representantes do BNG da comarca desprazaronse até a mina de San Fins. Realizouse unha mostraxe das augas en 3 puntos: na mesma bocamina (Buenaventura), na histórica balsa de lamas de 5 hectáreas que xa se derrubara nos anos 50 do século pasado, e augas abaixo do muro desta balsa. Como afirman fontes de ADEGA as analíticas que manexa Augas de Galiza (e que figuran na documentación do proxecto) mostran que mesmo a 1,5 km augas abaixo da mina os níveis de Cd (cadmio), Cu (cobre) e Zn (cinc) disoltos sobardan os límtes máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental (NCA) do RD 817/2015. Semella que a agrupación socialista lousamiana descoñece a existencia deste documento, que é público. 


A propia ADEGA, logo de obtidos os resultados publicou o seguinte:
"Os resultados son consistentes cos obtidos polas analíticas en poder de Augas de Galiza e amosan níveis de Cd (cadmio, substancia perigosa e prioritaria); Cu (cobre, substancia preferente) e Zn (cinc, substancia preferente), que mesmo chegan a multiplicar por 8 (caso do cinc) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD 917/2015). Outros metais pesados como o As (arsénico), Ni (níquel) e Pb (chumbo), amosan valores altos mais por debaixo do límite legal. Como é de esperar, obsérvase tamén unha progresiva diminución na concentración destes contaminantes dende a bocamina á balsa e finalmente ao rego, mais con todo 3 metais pesados, un deles moi perigoso e de interese prioritario (Cd) seguen estando por riba do permitido para garantir un bo estado das augas continentais. Mesmo mostraxes realizadas por Augas de Galiza a 1,5 km augas abaixo da mina, amosan aínda altos valores de Cd, Cu e Zn. Lembremos que estes metais pesados son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos dos seres vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que só é cuestión de tempo que acaben provocando alteracións fisiolóxicas e mesmo xenéticas."


Todo elo sen estar a mina realizando actividades extractivas e sen terse realizado aínda o vertido de máis de 1 millón de metros cúbicos de auga que anega algunhas das galerías da mina dende hais uns 25 anos. 

En terceiro lugar, sobre a "dudabel potabilidade da auga" nesta zona, tamén son de dominio público as denuncias realizadas tanto por grupos políticos como pola propia veciñanza noiesa sobre a pésima calidade da auga por mor das escorrentías de terra e xurros  en días de choiva que enturbian a auga que sae polos grifos dos fogares noieses e que provocan que esta non sexa consumible. Os problemas existentes na captación de auga son patentes inverno tras inverno e non están directamente relacionados coa actividade mineira, alomenos no BNG non temos coñecemento de tal extremo. En relación ás augas, tamén podemos facer referencia a aquelas que recalan na ría procedentes do río Tambre, ao cal realizan verteduras uns 22 concellos que contan  cunha rede de saneamento deficitaria, así como o propio concello de Noia,  cuestión esta que xa ten denunciado o BNG, por ser todo isto causante directo do depósito de limos que acolmatan os bancos marisqueiros e que constitúen un foco de contaminación constante para o esteiro da ría, así como unha ameaza para os bancos que até o momento permanecen abertos. 

En cuarto lugar, cabe indicar que foi denunciada públicamente e en reiteradas ocasións a falta do preceptivo estudo de impacto ambiental, co cal non cabe afirmar que a empresa cumpla coa totalidade da normativa esixida.

En quinto lugar, como tamén foi feito público, o BNG levou aos distintos plenos da comarca unha moción instando aos Concellos a oporse á autorización do vertido de 1.159.552 m3/ano de augas residuais industrias ao río Pesqueira ou rego de Rabaceiros (cunca da Ría de Muros e Noia), solicitada pola Empresa TUNGSTEN SAN FINX, S.L. ao organismo Augas de Galiza; persoándose no expediente de referencia (clave: DH.V15.54967) e formulando cantas alegacións sexan necesarias a fin de evitar a autorización en cuestión. No mes de novembro o pleno da corporación municipal noiesa, presidida polo Partido Popular, aprobou por unanimidade a moción presentada polo BNG, que contou co apoio claro e expreso da agrupación socialista do Concello de Noia, que amosou  unha actitude totalmente oposta á dos socialistas de Lousame.

Dende o BNG temos claro que namentres non se cumpla con todas as medidas precisas e os sistemas de contención e de tratamento dese máis de 1 millón de metros cúbicos de augas procedentes da mina que se pretenden verter e que terán como destino final a nosa ría, da que tamén viven veciños de Lousame, seguiremos a amosar a nosa oposición a toda autorización de vertidos.


Tamén queremos expresar o noso mais absoluto rexeitamento ante a manipulación da información que se ven facendo dende a agrupación socialista lousamiana, descoñecendo e mesmo terxiversando o resultado do inxente traballo de profesionais que tiveron a ben analizar toda a documentación precisa e realizar as analíticas e os estudos necesarios. Esa manipulación, queda patente nesas expresións perante os traballadares da mina tales como "entendemos que o que desexan é "cargarse" a mina" (sic), cando do que se estivo a falar en todo momento dende os distintos colectivos ecoloxistas e partidos, e nomeadamente dende o BNG é de oposición a autorización da vertedura desas augas debido a que os estudos habidos indican que poden poñer en grave perigo os bancos marisqueiros da ría noiesa, sen pretensións nin de pechar a mina nin que se perda posto de traballo algún.

Queda patente a falta de ética por parte dalgúns á hora de defender as súas posturas, en contraposición á dos seus propios compañeiros de partido. Mais no BNG non compartimos nin admitimos esa forma de proceder.