Sobre a situación da Mancomunidade da Serra do Barbanza

lixo
lixo

A cinco anos vista do remate do contrato da Mancomunidade Serra do Barbanza coa empresa que actualmente presta o servizo de recollida e tratamento de lixo para a mesma, Fomento de Construccións e Contratas (FCC), o BNG amosa o seu malestar con toda a serie de problemáticas que se veñen producindo arredor das deficiencias na recollida do lixo e que se viron agudizadas durante o verán, destacadamente nas datas festivas, nas que a xeración de residuos urbanos se ve multiplicada, dándose situacións de acumulamento de lixo coa conseguinte insalubridade, causando un lóxico malestar na veciñanza.

Sobre a situación da Mancomunidade da Serra do Barbanza

Así, FCC traslada a súa responsabilidade aos Concellos, tanto cando se producen avarías nos camións como cando se produce algún conflito laboral no seo da planta, no que semella unha estratexia para xerar unha situación confusa e insostible para os veciños, a Mancomunidade e os concellos que forman parte da mesma. 

Esta situación veuse repetindo con certa asiduidade ao longo anos, mais ante a incapacidade de facer fronte a unha rescisión do contrato por parte da Mancomunidade con FCC e a xudicialización dos desacordos con esta última, ademais das dificultades económicas, estes cinco anos tórnanse fundamentais para traballar nunha liña clara para mellorar o modelo de recollida e xestión dos residuos a través da implantación da xestión directa por parte da Mancomunidade. Por isto, o paso de dotar á Mancomunidade cunha secretaría-intervención propia, tornábase algo imprescindible para a posta ao día tanto da documentación como das contas cos concellos.

Desde o BNG entendemos que a Mancomunidade é sostible como modelo de recollida e tratamento dos residuos urbanos, un modelo que constitue unha alternativa ao modelo de SOGAMA que se veu fomentando desde a Xunta. Os datos refrendan os beneficios do modelo de xestión dos residuos urbanos da Mancomunidade: a planta de reciclaxe situada en Servia (Lousame), está á cabeza a nivel estatal en reciclaxe de residuos. Neste sentido cómpre destacar que a media galega de reciclaxe é dun 11,8%; a estatal do 29% e a da Mancomunidade é dun 37%, a cifra mais próxima ao 50% que esixen os parámetros europeos. Todo un éxito tendo en conta as problemáticas sinaladas, así como o esquecemento e a ausencia total e absoluta de apoio económico por parte da Xunta. 

Por isto, nestes cinco anos que restan para a finalización da concesión de FCC, temos a oportunidade e a obriga de facer propostas firmes de futuro, de traballar para mellorar e corrixir as eivas que se viñeron producindo nos últimos anos. Así, marcamos como liñas principais o estudo das medidas precisas para a ampliación e modernización tecnolóxica da propia planta situada en Servia, a ampliación das rutas para cubrir as necesidades de recollida existentes na actualidade, a posible entrada de concellos como o de Rianxo e outros que poidan ter interese en formar parte da Mancomunidade, como puidera ser o concello de Serra de Outes, que é o único concello da comarca que permanece fora da mesma, e o establecemento dun mecanismo de compensación ao Concello de Lousame, que é o receptor dos residuos urbanos e o que sufre o impacto, todo isto no marco dunha xestión directa por parte da propia Mancomunidade, en contraposición ao modelo de concesión que actualmente constriñe o avance e a autonomía da Mancomunidade.

Insistimos na aposta pola xestión directa da planta de reciclaxe da Mancomunidade tendo en conta non só a situación concreta da mesma e as cifras de residuos urbanos reciclados, senón tamén porque supón a contraposición ao modelo SOGAMA, un modelo fracasado, paradigma da antireciclaxe, que inzou Galiza de vertedoiros no pasado e que está a levar proxectos de novos vertedoiros por toda a xeografía galega que están a atopar o rexeitamento directo de gran parte veciñanza, como aconteceu hai escasos meses no propio concello de Lousame, sobre o recae a ameaza do establecemento dun vertedoiro de residuos industriais. 

Nós témolo claro: un modelo comarcalizado do servizo de recollida e tratamento dos residuos urbanos, xestión directa, aforro de custes de transporte, redución da contaminación, xeración de emprego na comarca e en definitiva, un medio ambiente do que poidan desfrutar as xeracións futuras. Que non nos enganen, outro modelo é posible.

Máis información:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2017/01/28/diputacion-financia-renovacion-tres-camiones-serra-do-barbanza/00031485552699454882289.htm

http://adega.gal/info/090121joomla/index.php/areas-tematicas/litoral/areas-tematicas/ultimas-novas/367-a-xunta-e-ecoembes-tentan-sabotar-a-panta-de-compostace-do-barbanza-por-reciclar-demasiado

Sobre a situación da Mancomunidade da Serra do Barbanza