Acto informativo sobre o anteproxecto de Lei de Acuicultura

Persoas asistentes ao acto
Persoas asistentes ao acto
Acto informativo sobre o anteproxecto de Lei de Acuicultura

Na mañá deste sábado tivo lugar en Noia, no Teatro Coliseo Noela, un acto informativo organizado polo BNG comarcal sobre o Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia. Abriu o acto Irati García Tomé, portavoz municipal do BNG neste Concello, que anuncio que a formación nacionalista xa ten presentada no Parlamento Galego unha “Proposición Non de Lei” instando á retirada do Anteproxecto, así como mocións en distintos Concellos da zona, como xa se fixo en Noia no pasado mes de decembro, contando co respaldo das outras formacións, excepto do Partido Popular,

Irati García ao inicio do acto

Por outra banda Xoán X. León Martínez, como responsable comarcal, fixo especial fincapé na necesidade de que o sector permaneza unido ante esta problemática que afecta a toda Galiza, e en especial á nosa Comarca, xa que a Confraría de Noia é a que conta cun maior número de membros de todo o país, o que lle confire un grande importancia económica no conxunto do territorio.

Por último interveu Daniel Rodas Chapela, Deputado do BNG no Parlamento Galego e responsable dos asuntos de Pesca e Marisqueo, que analizou os aspectos técnicos da norma en cuestión e as consecuencias perxudiciais que acarrexaría a aprobación da mesma, lembrando que foi elaborada pola Consellería do Mar “de costas aos sectores afectados”. Así mesmo destacou a grande importancia do actual modelo productivo de explotación duns recursos que son públicos e no que o reparto de cuota é horizontal e igualitario, que pretende ser sustituido por un modelo de explotación acuícula privatizado, que vén propiciado polas políticas da propia UE, e que suporía a entrada de grandes empresas, a supresión dos Permex e un futuro incerto para os mariscadores e mariscadoras.

Persoas asistentes ao acto

Ao final do acto, e logo dunha ampla xeira de intervencións dos asistentes ao mesmo, mariscadores e mariscadoras, que ven a necesidade de avanzar nun proceso de unificación do sector e dar un paso adiante de cara a futuras mobilizacións, acordaron a creación dunha Plataforma de ampla representación, con membros do propio sector así como doutros sectores económicos que poidan verse afectados directa e indirectamente para oporse conxuntamente ao citado Anteproxecto de Lei de Acuicultura.