Sobre a Comisión de Seguemento do Casco Histórico

Sobre a Comisión de Seguemento do Casco Histórico

O BNG denuncia irregularidades na Comisión de Seguemento do Casco Histórico

Este xoves, 7 de xullo,  tivo lugar unha sesión extraordinaria da Comisión de Seguemento do Casco Histórico, que segundo a propia normativa urbanística do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Noia, na que se tratan todos aqueles proxectos que afecten a inmobles catalogados, convocando para elo a asistencia de dous técnicos da Comisión Territorial de Patrimonio, a fin de asesorar e informar ditos proxectos. Esta Comisión de Seguemento examina todo os expedientes que fagan referencia a inmobles catalogados examinando os proxectos presentados para obter a correspondente licencia de obras, sendo esixible o seu ditame favorable previamente á resolución definitiva pola Comisión de Urbanismo Municipal.

Casco Histórico

En primeiro lugar o BNG denuncia a irregularidade na convocatoria de dita Comisión, da que ademáis dos representantes dos distintos grupor municipais, tamén forman parte a arquitecta e a arqueóloga da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia. Estas, así como tamén o persoal técnico da Comisión Territorial de Patrimonio foron convocadas por vía teléfonica, sen serlle entregada nin a convocatoria nin documentación que a acompañaba, co cal descoñecían a orde do día e o contido dos expedientes. Esta irregularidade na convocatoria produxo que a arqueóloga municipal non estivese presente por non ter recibido nin ter sido avisada da convocatoria.

Por outra banda, da análise da documentación que acompañaba a convocatoria concluiuse que unha parte importante dos puntos da orde do día carecían de informe xurídico, outro constaba de informe técnico que eludía os antecedentes e a mención ao informe emitido pola Policia Local e mesmo un dos puntos non constaba de informe nin documentanción de ningún tipo. Nos informes obrantes non consta data de entrega nin número de entrega en Rexistro e un deles carece da sinatura de quen o elaborou o cal supón unha importante inseguridade xurídica que en materia de licenzas non se pode admitir. O BNG lembrou que os membros das Comisións teñen unha serie de dereitos, como o de contar cos informes e documentación necesaria para a súa análise previa á celebración das sesións, e con máis razón en materias tan complexas como as de Patrimonio, tendo en conta que a toma de decisións conleva as correspondentes consecuencias xurídicas.

O cúmulo de irregularidades dos que dou constancia a voceira municipal do BNG, que solicitou que varios dos puntos quedaran sobre a mesa para proceder a tratalos  noutra sesión cuxa convocatoria fose conforme ao legalmente establecido, xunto coa negativa a votar dita petición por parte do presidente da Comisión, o señor Santiago Freire, actual alcalde da corporación, provocou o abandono da concelleira Irati García da devandita Comisión por negarse a participar da toma de acordos en condicións irregulares e de inseguridade xurídica. O Grupo Municipal do BNG estudará se os acordos tomados adolecen de nulidade e de ser así instará que se declare a mesma nas instancias precisas, coas consecuencias legais que dita declaración conleve.