Consideracións sobre a obra de accesibilidade na Igrexa de San Martiño

Plano do proxecto
Plano do proxecto
Consideracións sobre a obra de accesibilidade na Igrexa de San Martiño

Primeiramente, cabe sinalar que dende o BNG de Noia consideramos que unha das nosas sinais de identidade é a defensa dunha mobilidade inclusiva e que respecte o dereito das persoas de acceder a todos os lugares públicos.

Á marxe desta primeira aclaración, e máis alá da consideración que cada persoa faga da obra para a accesibilidade á Igrexa de San Martiño, o noso grupo quere deixar claro dunha forma rotunda que censura o xeito no que se levou a cabo a tramitación de dita obra por uns motivos obvios.

Esta obra foi incluída para a súa aprobación dentro dun crédito extraordinario inmerso nun catálogo extenso de gastos sen máis especificación que o seu título. Dende o noso grupo non entendemos que un proxecto desta envergadura e cun custo de case 24000 euros que actúa sobre un elemento patrimonial tan importante como a citada Igrexa de San Martiño non sexa explicado de forma pormenorizada e individual á hora de ser aprobada. É de entender que os diferentes grupos da Corporación entenderan que unha obra tal ía ser levada á Comisión pertinente a que facemos mención de seguido.

Volvendo á importancia deste elemento patrimonial e tendo en conta que Noia conta con unha “Comisión de seguimento do Plan Especial de Protección e Reforma do Interior do Casco Histórico” non entendemos tampouco que os únicos pasos levados a cabo dende as concellerías responsables da obra sexan os de mandar esta obra para ser aprobada por Patrimonio e levala a execución sen citar aos diferentes representantes políticos e técnicos municipais e da Xunta que a compoñen discutan e posteriormente ditaminen dun xeito democrático o que e o como se vai facer dita obra.

Tampouco nos parece responsable que dende as redes sociais do Concello de Noia, que é o Concello de todos os noieses, sexan cualificadas de “ruxe-ruxe” as lexítimas queixas e opinións da veciñanza do noso municipio.

Dende o noso grupo, respectando as opinións individuais das persoas que compoñen o noso partido, abstivémonos de facer unha valoración como BNG de Noia dunha forma quente e sen acadar a información e o asesoramento necesario para poder dar unha opinión construída con base. Cremos firmemente que o papel dos partidos políticos ten que ser a busca do diálogo construtivo para acadar solucións para a cidadanía e polo tanto censuramos tanto a actitude por parte da Concellería de non contar coa opinión da Comisión antes de levar a cabo este proxecto así como calquera actitude que poda supoñer un menosprezo flagrante para aquelas persoas que se encargaron de lévalo a cabo.

Non obstante, e tras obter opinións de profesionais, así coma de ter lido tanto o proxecto coma os expedientes e informes sobre o mesmo, procedemos a dar a nosa opinión sobre esta cuestión que tanta controversia está a xerar nos últimos dous días en Noia.

Con respecto á intervención:

Estímase que debería ter un carácter desmontable e plenamente reversible e que debería ter o menor impacto visual posible sobre o templo.

1- Citamos o texto do proxecto básico e de execución (PBE), “búscase unha pureza volumétrica que se integre coa sobriedade do templo”. Entendemos que a pureza volumétrica da intervención é cuestionable polo feito de provocar un importante impacto visual, ao desdebuxar a visión do monumento en toda a súa fachada na praza da Constitución.

2- Si temos en conta que a Igrexa de San Martiño de Noia é un exemplo senlleiro do Patrimonio Cultural de Galicia, declarado B.I.C. (Ben de Interese Cultural) segundo decreto do 31/01/1931 e un dos principais exemplos do estilo gótico mariñeiro da nosa comunidade, estimamos que a intervención debería ter moito menor impacto visual sobre o templo e, polo tanto, ter primado isto sobre a excesiva volumetría e material utilizado. 

3- Citamos de novo un texto do PBE: “Tódalas pezas irán apoiadas en tacos de neopreno de dimensións 10x10x1cm, ocultas debaixo das pezas, polo tanto, as pezas de pedra non apoiarán directamente contra o chan e non terán contacto co mesmo en ningún caso, isto permite que as pezas sexan desmontables en calquera momento, non tendo así ningún impacto técnico sobre a estrutura da igrexa nin sobre os pavimentos que a rodean”. Estamos dacordo en que esta solución parece favorecer que a intervención sexa reversible e incluso desmontable, pero tamén é certo que opinamos que o feito de realizarse en pezas macizas de pedra tamaño considerable, fai que sen ningunha dúbida se entenda como unha intervención de carácter fixo que perdurará no tempo acompañando ao monumento.  

4- “O granito elixido é o denominado silvestre moreno con características análogas ao xa instalado na igrexa, tanto en ton coma en granulometría, das canteiras do Confurco, onde seguramente se extraeu o material para a construción do templo dada a súa proximidade”. Estamos en desacordo en canto á tonalidade elixida para a pedra. É ben certo que o paso do tempo e a climatoloxía propia, favorecerán ao seu escurecemento, pero o seu ton claro (tirando mais a grises que a pardos), fai que mais que características análogas de cor, pasan a ser de contraste. Sabemos que é importante diferenciar os elementos “novos” dos propios do monumento, pero si se busca o mínimo impacto visual posible, entendemos que a cor elixida non é a idónea. 

5- “A entrada que menos diferencia de altura presenta é a porta lateral que se abre cara a praza da Constitución, salvándose o desnivel con tres peldaños. Esta escalinata ten a particularidade de non ser orixinaria da igrexa, se non que é froito das sucesivas reformas que sufriu o entorno e o pavimento interior da igrexa no último século¨. Aínda que non é orixinaria do templo e sufriu reformas ao longo do tempo, cuestionamos a decisión da súa amputación para favorecer a colocación deste novo elemento. Consideramos que debeu primar a súa conservación, xa que dende o momento en que deixa de existir, a rampla colocada deixa tamén de ter carácter plenamente reversible si se dese o desmontaxe, propiedades esixidas nesta obra.

Por estes motivos, o BNG de Noia pedirá ao alcalde que convoque con carácter urxente a comisión de seguimento do plan do casco histórico, como xa tiña que ter feito, para que dé as pertinentes explicacións aos distintos representantes e técnicos municipais que a conforman e para que sexan estes lexítimos representantes da nosa vila os que discutan cales deberán ser os pasos a seguir no futuro próximo no respectivo a esta cuestión que tanto preocupa aos veciños e veciñas de Noia.

Por outra banda, queremos poñer de manifesto tamén que de non atender o Alcalde de Noia a esta demanda, o BNG de Noia intentará acordar co resto de forzas políticas a aprobación dunha moción urxente e conxunta no pleno de mañá que obrigue á convocatoria de dita comisión.