A insistencia do BNG de Noia por avanzar no saneamento acada os seus froitos. Desta vez, melloras en Argalo.

O noso concelleiro Ricardo Suárez no foro da auga xunto a Ana Miranda.
O noso concelleiro Ricardo Suárez no foro da auga xunto a Ana Miranda.
A insistencia do BNG de Noia por avanzar no saneamento acada os seus froitos. Desta vez, melloras en Argalo.
O pasado 15 de xaneiro de 2018 o BNG de Noia, tras reunirse cos veciños de Argalo para atender a súa lexítima demanda polos servizos mínimos e en consonancia coa nosa teima pola mellora ambiental en xeral e pola calidade das augas en concreto, presentou unha moción relativa as melloras no saneamento nesta parroquia.
 
O noso grupo, tras un receso no pleno no que se discutía dita moción, chegou a un acordo co grupo de goberno que consistiu en retirar dita proposta a cambio da promesa de que dito saneamento se iría realizando por fases no futuro.
 
No último pleno extraordinario que se realizou no Concello de Noia por fin se incluíu dentro da subvención de Camiños Rurais de 58.000 euros de investimento dende Beiro ata Lousame as actuacións necesarias para mellorar a rede de saneamento nas aldeas de Becollo, Vilaboa e Figueira.
 
Outra das actuacións importantes que se incluían no corpo desta moción era o melloramento do camiño que leva á fervenza que alí se sitúa así como outra serie de actuacións nesta parroquia (*ollar a moción). Aínda que a situación xa é mellor grazas ao traballo desinteresado do colectivo de sendeirismo Trabandainas, tamén nos interesamos pola posibilidade de que esta demanda veciñal sexa levada a cabo, tendo o noso grupo a promesa do goberno local de que se farán as xestións necesarias para que isto se leve a cabo, esperamos que así sexa nun futuro próximo.
 
O saneamento supón un dereito de todos os veciños e a base para non poluir os nosos ríos e rías. Esta é unha das máis importantes preocupacións locais e por iso o BNG de Noia levará ao próximo pleno a Creación da "Mesa pola calidade dos nosos Recursos Naturais".
 
* Moción dirixida ao Pleno do Concello de Noia:
Tralas distintas xuntanzas que o BNG veu mantendo ao longo do tempo coa veciñanza de distintas parroquias e lugares do noso concello, vimos constatando unha desigualdade na atención das necesidades dos núcleos da periferia que se ven arrastrando desde hai anos, situación que consideramos é preciso e obrigado reverter. Na última xuntanza mantida en Argalo, fóronnos trasladadas distintas necesidades que estimamos preciso elevar ao Pleno para que sexan debidamente atendidas na maior brevidade posible, sen ter as que presentamos carácter exhaustivo. Así, constatamos a necesidade de que desde o Concello se atendan e resolvan as eivas que se indican mais abaixo, propoñendo ao Pleno a adopción do compromiso de darlle a debida resposta no presente mandato ás mesmas: dotación de alcantarillado aos núcleos de Vilaboa, Figueira e Becollo, así como a outros núcleos nos que puidera existir esta carencia; dotación de traída de auga, dado que os fogares dispoñen dos contadores mais non deste servizo básico municipal; toma de medidas para a limpeza e adecentamento da contorna do río así como da contorna da estrada que leva ao novo cemiterio parroquial; dotación de puntos de alumeado público nos tramos nos que non existe, nomeadamente no tramo entre o núcleo de A Igrexa e o novo cemiterio parroquial; restauración da coñecida como fonte da Virxe; limpeza e sinalización da ruta que vai desde a Pontella ata o lugar do Canaval; adecentamento do camiño de pés que vai desde a vía principal do núcleo ata o agro da igrexa parroquial.