Melloras para vindeiros procesos electorais

Melloras para vindeiros procesos electorais

No día de hoxe, vimos de remitir ao Alcalde unha carta na que detallamos unha serie de aspectos que cremos mellorables de cara a vindeiros procesos electorais. A continuación, reproducimos o seu contido:

---

Á luz do último proceso electoral vivido, o do 20 de decembro, no seno do Consello Local do BNG vimos de facer unha reflexión acerca das condicións materiais nas que habitualmente se desenvolve a xornada electoral no noso municipio. Estoume a referir ao estado de mantemento dos locais de titularidade municipal, así coma aos dependentes doutras administracións que se poñen ao dispor da Administración Electoral, cada vez que se produce unha chamada ás urnas.

Da experiencia vivida desde o mes de xuño do ano 1977 ata o día de hoxe, pecariamos de soberbios se non recoñecésemos que non hai punto de comparanza entre o estado da infraestrutura material utilizada hai 38 anos e a utilizada o día 20 do mes pasado.

Aínda así coidamos necesario facer unha serie de peticións a fin de mellorar determinados aspectos que axudarían, no futuro, ao desenvolvemento das xornadas electorais que están por vir. Referímonos concretamente ás seguintes cuestións:

- Solicitar da Xunta de Galicia a posibilidade de por a disposición da Administración Electoral unha estancia a maiores da xa utilizada na Casa da Xuventude, de tal maneira que as mesas que compoñen o Colexio Electoral (Distrito:02/Sección:006/Mesas:A e B), estean en salas separadas evitando deste xeito as aglomeracións que se producen durante a xornada, facilitando desta maneira o dereito ao voto da cidadanía, así coma o traballo dos compoñentes das mesas electorais alí establecidas.

- Proceder a unha reordenación do espazo no Salón de Actos da Casa do Concello, onde se ubica o Colexio Electoral (Distrito:02/Sección:001/Mesas:A e B), de tal maneira que unha das mesas se sitúe onde habitualmente senta a presidencia dos plenos municipais e a outra no patio de butacas (previo o baleirado do mesmo trasladando os asentos a outro lugar da Casa Consistorial). Con isto conseguiríase que se produza menor dificultade de acceso ás mesas electorais por parte dos electores, facilitando ao mesmo tempo o traballo dos compoñentes das mesmas, así como o dos interventores e apoderados nomeados polas distintas formacións políticas concurrentes a cada cita electoral.

- Dotar, por parte do Concello, de suficiente material de apoio ao Colexio Electoral situada nas dependencias do Instituto Social da Mariña (Distrito:02/Sección:004/Mesas:A e B). Estámonos a referir á achega de suficientes mesas e cadeiras, necesarias para un axeitado desenvolvemento da xornada electoral (esta petición é, loxicamente de aplicación, a todos os locais postos ao servizo da Administración Electoral).

- No relativo á denominación do local electoral situado no inmoble nº 8 da Praza do Tapal, e nomeado coma Centro Social CASA DA AGRA (Distrito:02/Sección:03/Mesas:U), solicitamos que de maneira definitiva se corrixa esta denominación errada que se arrastra desde o mandato municipal 1995-1999, momento no que se mercou dito inmoble e se procedeu á súa rehabilitación. Propoñemos que se nomee coma Casa da Familia Agra, ou Casa do Tapal, ou outro que con mellor criterio se propoña, e que non deturpe o nome primixenio.