Plans provinciais

Plans provinciais

O BNG solicita que se consensúen os proxectos a incluír tanto no Plan de Obras e Servizos coma no Plan de Acción Social que ven de convocar a Deputación da Coruña.

A Deputación coruñesa ven de convocar tanto o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2016) coma o Plan de Acción Social (PAS 2015). Aínda que o obxecto dos dous plans non é exactamente o mesmo, hai que destacar que o importe conxunto que lle corresponde ao noso concello supera os 500.000 euros.

Desde o BNG consideramos que o destino destes cartos deben ser proxectos estratéxicos para o noso pobo e, por iso, propoñemos dúas liñas de actuación. Por unha banda, cremos imprescindíbel adicar parte deste importe a completar a nosa rede de saneamento. A depuración do 100% das augas residuais, ademais de ser unha obriga para as administracións, redundaría en beneficio da nosa ría e das actividades económicas que nela se dan.

A segunda das liñas que propoñemos é recorrer ao catálogo de actuacións que, en materia de infraestruturas viarias, recolle o PXOM, actualmente en fase de aprobación provisional. E, dentro delas, consideramos como unha das máis prioritarias, a construción do segundo acceso ao núcleo da Barquiña. Esta, ademáis de ser unha reivindicación de longa data da veciñanza, permitiría solucionar o grave problema de seguridade viaria ao que se enfrontan os residentes do que é o segundo núcleo de poboación do noso concello.

Por todo isto, a nosa concelleira ven de solicitar que se inclúa na orde do día da vindeira Xunta de voceiros, un punto para tratar de consensuar entre todos os grupos os proxectos que presente o noso concello, de xeito que os mesmos redunden nun maior beneficio para toda a nosa veciñanza