Pleno de organización

Pleno de organización

Na noite do pasado luns tivo lugar o pleno de organización do presente mandato municipal. Dentro da orde do día presentada polo grupo de goberno destacaba o último punto, adicado a tratar as asignacións ás concelleiras por asistencias a plenos, xuntas de goberno e comisións informativas. Alén disto, tamén se trataba de fixar as asignacións correspondentes aos partidos políticos.

Chegouse ao pleno con dúas propostas sobre a mesa; por unha banda, a do grupo de goberno que, con matices, era apoiada por PSdG-PSOE, N.O.I.A., PP e BNG, e, por outra, a da Marea, que foi considerada claramente insuficiente e que non concitou ningún apoio.

É de destacar que tanto as asignacións a concelleiras coma a partidos políticos levaban sen actualizar 16 anos, polo que era claro que non se adecuaban á realidade que estamos a vivir.

Como consecuencia das diferencias de matiz sobre a proposta do grupo de goberno, foi necesario recorrer a un receso para chegar a un acordo sobre este punto. Na negociación participaron só 4 dos 5 grupos presentes no pleno, xa que a Marea, que foi incapaz de sumar a ninguén á súa proposta, tamén careceu da capacidade de diálogo necesaria para condicionar e, no seu caso, sumarse ao acordo xeral.

Así as cousas, chegouse a unha proposta que moderaba a inicial do grupo de goberno e que, na votación seguinte, obtivo 15 votos favorables e 2 contrarios.

Á vista do sucedido, desde o BNG queremos deixar clara a nosa postura, que podemos resumir nos seguintes puntos:

- As asignacións a concelleiras e a grupos políticos levaban moitos anos fóra da realidade no concello de Noia. 30 euros por asistencia a pleno ou 6 euros por membro de cada grupo municipal non son, claramente, importes adaptados a este século.

- O traballo político é traballo e, polo tanto, debe ser compensado na súa xusta medida. Nin máis, nin menos. Se non se dispón desta compensación, a política quedaría reducida a un pasatempo para ricos; a unha actividade só accesible a aqueles que poden vivir do seu patrimonio.

- “Non é necesario subir as asignacións por asistencia a comisións porque total iso en media hora despáchase”. Isto, que críamos un argumento máis propio de outras situacións, chegou a oírse onte no pleno. Certamente non parece a mellor tarxeta de presentación para alguén que se estrea no mesmo e deixa ben ás claras a visión que ten cada un do traballo municipal.

- As organizacións políticas que sustentan aos diferentes grupos municipais xogan un papel fundamental na vida política do pobo e, para o mantemento da súa actividade, as asignacións municipais teñen unha grande importancia. En moitos concellos, cada grupo ten un local municipal á súa disposición, mentres que Noia non dispón destas instalacións que permiten que os diferentes grupos teñan dun lugar onde traballar, reunirse e recibir á veciñanza. A razón última da asignación municipal é tratar de compensar esta carencia.

- Certamente, resultaría moito máis barata unha corporación municipal nomeada a dedo, de entre as forzas vivas da localidade, polo Gobernador Civil da provincia. Afortunadamente, eses tempos xa son parte dunha historia que non queremos que se volva a repetir, por moi económicos que resulten.

- Cremos que a capacidade de negociación é fundamental para o exercicio da política. Unha persoa ou grupo que anuncia unha postura ríxida e inflexíbel, que é incapaz de sumar a ninguén ás súas propostas ou de condicionar, mediante argumentos, as propostas dos demais, pouco pode aportar no traballo político. O BNG considera beneficiosa a diversidade de posturas e opinións e somos conscientes de que noutros momentos do mandato seremos nós os que quedemos sós defendendo determinadas posturas, pero non parece construtivo fixar a postura antes de que se inicie a negociación e negarse á mesma.

- Cando as diferencias sobre unha proposta son tan escasas como se evidenciou onte sobre este punto, sería recomendable chegar ao pleno cun acordo. Chegar cos deberes feitos permite, entre outras cousas, aforrarlle ao público asistente un receso moito máis longo do razoable e que desanimou a moita xente de permanecer ata o final do mesmo. Queda para os diferentes grupos facer autocrítica sobre este punto e tratar de mellorar de cara ao futuro.

Pleno de organización