Reunión co PP

Reunión co PP

Na tarde de onte, e respondendo á convocatoria do propio Santiago Freire, cabeza de lista dos populares, unha representación do BNG local asistiu a unha reunión que tivo lugar na sede do PP.

A representación do BNG estivo formada por Irati García, Tono Millares e Miguel González, números un, tres e cinco da candidatura. Pola parte do PP asistiron Santiago Freire e Julio Bustelo.

O motivo aducido para a convocatoria era a necesidade de facernos chegar unha serie de propostas que poderían ser do noso interese. Podemos resumir ditas propostas nas seguintes:

- Propor a formación dun goberno bipartito constituído polo PP e o BNG.

- Abrir a posibilidade de que Irati García ocupase a alcaldía e/ou aquela concellería que escollese.

- Deixar aberta a porta a executar algunhas das propostas contidas no programa do BNG, nomeadamente, as referidas ao saneamento da ría.

Pola nosa banda, limitámonos a escoitar as propostas e a respostar co acordado na última asemblea local; a saber:

- Que se prestaría apoio no pleno de investidura a un goberno alternativo ao do PP.

- Que non se entraría a formar parte dese hipotético goberno.

Deuse por rematada a reunión sen ningún tipo de acordo nin compromiso sobre contactos posteriores. A duración total da mesma estivo arredor da media hora.