Pleno ordinario de agosto

Pleno ordinario de agosto

O pasado xoves día 6 celebrouse o pleno ordinario de agosto que, despois dunha cuestión de orde relativa á remisión das resolucións da alcaldía formulada polo PP, se desenvolveu segundo a seguinte orde do día:

*Comentamos só os puntos onde se produciu debate

1. Aprobación, se procede, da acta da sesión plenaria constitutiva do 13/06/2015, da sesión plenaria organizativa do 6/07/2015 e da sesión plenaria extraordinaria do 24/07/2015.

Aprobadas por unanimidade.

2. Dación de conta da concreta composición das comisións informativas.

--

3. Dación de conta da concreta composición da Comisión de Seguimento do Casco Histórico.

--

4. Dación de conta da aceptación dos cargos con dedicación exclusiva aprobados na sesión plenaria organizativa de 06/07/2015.

--

5. Dación de conta do nomeamento de vicevoceira polo GPM da Marea Cidadá de Noia.

--

6. Adhesión ao Convenio Marco entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a implantación dunha rede de oficinas integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.

Aprobada por unanimidade.

7. Moción do goberno local de petición á Xunta de Galicia da construción dun pavillón polideportivo no Colexio “Felipe de Castro”.

A moción foi aprobada por unanimidade despois dun pequeno debate, no que destacou a postura do voceiro do PP no sentido de insistir en que a obra debería ser executada polo Concello; quizais adiantando a negativa da Xunta á construción dunha instalación cuxa necesidade ninguén discute.

8. Elección de representantes da Corporación na Asemblea da Mancomunidade da Serra do Barbanza.

Os estatutos da Mancomunidade reservan 3 lugares na Asemblea para a Corporación noiesa. Dada esta circunstancia, a proposta do goberno municipal partía da base de que os grupos que forman o goberno (PSOE e N.O.I.A.) entendían que estaban suficientemente representados polo alcalde (membro nato da Asemblea) polo que os postos serían para os grupos municipais do PP, Marea Cidadá e BNG.

Todos os grupos estaban de acordo nesta proposta agás a Marea, que mantiña a postura de que os representantes deberían corresponder aos 3 grupos máis votados, é dicir, PP, PSOE e a propia Marea.

A nosa posición é que se deben modificar os estatutos da Mancomunidade para dar entrada a un representante por grupo, independentemente do número deles. Parece claro que estamos nun escenario de maior pluralidade, polo que esta modificación solucionaría o problema agora e no futuro.

Finalmente votouse a proposta do goberno, que obtivo o voto favorable de PP, PSOE, N.O.IA., e BNG, e a abstención da Marea; polo que foi aprobada.

9. Elección de representantes da Corporación no padroado da Fundación Romero Blanco-Monroy.

A situación é similar á anterior, xa que á Corporación noiesa tamén lle corresponden 3 representantes no padroado. A diferencia é que, neste caso, a proposta do goberno era asignar eses representantes aos grupos do PP, Marea e N.O.I.A.

A Marea mantivo a mesma postura que no punto anterior, é dicir, que os postos debían ser para os 3 grupos máis votados. No noso caso, mantivemos tamén a necesidade de modificar os estatutos da Fundación, para evitar problemas no futuro e garantir que todos os grupos puideran estar representados.

A proposta do goberno obtivo os votos favorables de PSOE, N.O.I.A. e BNG, mentres que PP e Marea optaron pola abstención.

10. Moción do GPM do BNG sobre as Festas de San Bartolomeu.

Como ben explicou a nosa voceira na defensa da moción, esta tiña unha dobre finalidade: por unha banda, garantir a presencia de bandas locais na programación das festas e, por outra, pedir escrupulosidade ao goberno na contratación das actuacións, habida conta das novas sobre presuntos delitos fiscais nas principais empresas do sector, que están a aparecer na prensa, día si e día tamén.

No debate posterior, aceptamos cambios sobre o texto presentado no sentido de deixar aínda máis claro que non se pretende prexulgar a ninguén e que, como é evidente, se respecta a presunción de inocencia de todo o mundo.

Finalmente a moción foi sometida a votación e aprobada por unanimidade.

11. Moción do GPM do PP sobre as infraestruturas de Argote-Ponte de San Francisco.

A moción consta de varios puntos nos que se detallan unha serie de actuacións na estrada entre Argote e a Ponte de San Francisco. O último destes puntos esixe ao goberno que de prioridade a estas obras sobre calquera outra que vaia a executar no concello.

A postura do BNG é recoñecer que as obras son necesarias, principalmente por dous motivos; por unha banda porque, ao igual que o resto de parroquias, esta zona ficou esquecida durante os últimos anos nos investimentos municipais e, por outra, porque ese tramo de estrada presenta grandes problemas de seguridade viaria. O punto que nos suscitaba dúbidas era precisamente ese último, xa que non temos información sobre o plan de obras do goberno e, polo tanto, non podemos xulgar si se deben priorizar sobre calquera outras.

Logo dun debate, que moitas veces se apartou do fondo da cuestión (sobre todo nos intercambios de pareceres entre o voceiro do goberno e o do PP), a moción foi sometida a votación obtendo o respaldo de PP, PSOE, N.O.I.A. e BNG, mentres que a Marea optou pola abstención.

12. Moción do GPM da Marea Cidadá de Noia sobre a transparencia nas contas públicas.

Esta moción é a materialización dun dos puntos do pacto de investidura firmado entre a Marea e o PSOE para facilitar a investidura de Miguel Paz como alcalde. Este punto apenas tivo debate e todos os grupos nos declaramos partidarios de afondar na transparencia das contas públicas, como non podía ser doutro xeito.

Pola nosa parte cremos que para asumir este traballo administrativo adicional sería necesario contar con máis persoal pero, lamentablemente, as normas a nivel estatal impiden as novas contratacións.

Neste sentido agardamos que poida ser asumido polos traballadores municipais, que tamén necesitarán novas ferramentas informáticas e formación específica para levalo a cabo.

Sometida a votación, esta moción foi aprobada por unanimidade.

[Fóra da orde do día] Moción de Urxencia do GPM da Marea Cidadá de Noia sobre as obras no atallo da Rasa.

Neste punto, a Marea presentou unha moción de urxencia sobre as obras que está a facer o Concello no atallo da Rasa. Xustificábase a urxencia no feito de que o estado actual da vía supón un perigo para os cidadáns. Ademais, suscitaba dúbidas que o resultado da obra se correspondese coa inversión efectuada (uns 20.000 euros).

Entre outros puntos, a moción solicitaba constituír a comisión de seguimento da obra pública e, no seu seo, revisar o procedemento de contratación e a execución desta obra.

Tanto a urxencia da moción coma o contido da mesma foron aprobados por unanimidade. Pola nosa parte, adicionalmente solicitamos acceso á documentación da obra.

Rogos e preguntas.

Cando se chegou a este momento, a sesión plenaria xa acumulaba unha duración de 4 horas, polo que o voceiro da Marea expuxo a posibilidade de formulalas por escrito, pero esta posibilidade foi rexeitada polo goberno municipal, que só aceptaba aprazalas para a vindeira sesión. Sendo así optouse por formulalas oralmente, tal e como estaba previsto.

Pola nosa banda, formulamos unha pregunta e dous rogos, que se poden consultar aquí e aquí.

Tamén presentaron rogos e preguntas os GPM's do PP e da Marea.