Pleno ordinario de novembro

Pleno ordinario de novembro

O pleno ordinario de novembro celebrouse o pasado xoves 5 de novembro ás 20:30, conforme á orde do día que se detalla a continuación. O pleno arranca con José Pérez actuando como voceiro do goberno, por ausencia de José Manuel Lage, que se incorpora ao inicio do punto 5.

 

1. Aprobación das actas das sesións de datas: 6 de agosto, 3 de setembro e 1 de outubro de 2015.

- Acta do 6 de agosto:

O PP indica que a acta non recolle de xeito literal as expresións do voceiro do goberno no tocante á obra do vial entre Argote e a Ponte de San Francisco. Aínda que a secretaria municipal lles indica que se recollen na acta do pleno seguinte, os populares votan en contra.

- Acta do 3 de setembro:

Aprobada coa abstención da nosa voceira que non asistira á sesión por atoparse de baixa médica.

- Acta do 1 de outubro:

Aprobada coa abstención da nosa voceira que non asistira á sesión por atoparse de baixa médica.

 

2. Dación de conta das resolucións número 1908 a 2140.

-

3. Dación de conta das actas da XGL de datas 22/09, 29/09, 6/10 e 14/10 de 2015.

-

4. Dación de conta dos informes sobre estabilidade orzamentaria dos meses de abril a outubro de 2015.

-

5. Proposta do Goberno Local de modificación da ordenanza do IBI para bonificar ás familias numerosas ata nun 90%, por criterios de renda e patrimonio.

Os grupos da oposición valoramos a medida como insuficiente e o goberno retruca que é a mesma medida que se está a aplicar en concellos como Boiro ou A Coruña e indica que a lei non permite ir máis alá.

A moción é aprobada cos votos a favor de PSOE, NOIA e PP, mentres que Marea e BNG votamos en contra por considerala unha medida insuficiente e que debería terse presentado unha proposta máis ambiciosa.

O voceiro do goberno anuncia a convocatoria da Comisión de Facenda para esta mesma semana e pide aos diferentes grupos que acudan con medidas concretas para tratar de mellorar a ordenanza.

 

6. Proposta do Goberno Local para solicitar á Xunta de Galiza a mellora da seguridade viaria na estrada AC-550 ao paso polos núcleos de Orro e Vilanova.

O PP trae a colación unhas declaracións de 2007 do actual voceiro do goberno, naquela altura parlamentario, sobre a iluminación da ponte de Ceilán e o punto convértese, unha vez máis, nunha disputa entre José Manuel Lage e Santiago Freire. Na mesma, como sucede acotío, deixan de lado o tema a tratar e monopolizan o debate chegando á descualificación e excedendo, con moito, os tempos de intervención. Este feito é reprobado pola voceira de BNG e a concelleira da Marea, que solicitan centrar o debate e o mesmo se desarroie con respecto hacia os compañeiros e compañeiras do pleno e a veciñanza presente no salón de plenos.

Pola nosa banda, pedimos que as actuacións vaian encamiñadas á mellora da seguridade viaria, polas que non teñamos que agardar a estar ás portas dunhas novas eleccións, e que as mesmas non queden en meras melloras ornamentais coma no desafortunado e recente caso da iluminación do viaduto sobre a ría.

Na votación o punto é aprobado cos votos favorables de PSOE, NOIA, Marea e BNG e a abstención do PP.

 

7. Proposta do Goberno Local para apoio á flota pesqueira do cerco e artes artesanais.

O BNG manifesta o apoio á proposta e argumenta que o problema de fondo está nas inxustas negociacións das porcentaxes de cota. A Marea manifesta igualmente o seu apoio.

Pola súa banda, o PP culpa do sucedido ao PSOE e ás negociacións de ingreso na UE, á vez que defende o traballo da conselleira e lembra os episodios de sobrepesca durante os gobernos do PSOE.

Nunha última quenda de palabra, a nosa voceira pide máis solucións concretas e menos euros para desguazar barcos.

A proposta é aprobada cos votos favorables de BNG, PSOE, NOIA e Marea, mentres que o PP vota en contra.

 

8. Proposta do Goberno Local para apoiar aos mariñeiros galegos en Noruega, para o recoñecemento dos anos traballados naquel país.

O punto iníciase coa intervención do representante da asociación LONGHOPE en Noia, que expón a problemática e agradece o soporte das diferentes formacións políticas, matizando que, na súa opinión, a posición do PP non é real, senón que se ven obrigados a manifestar o seu apoio forzados polo resto de grupos.

O goberno retira a proposta, logo de propoñer un texto consensuado coa moción que xa presentara con anterioridade o BNG, pero finalmente decídese que se discuta a nosa (seguinte punto), por considerala máis completa. Todos os grupos están de acordo.

 

9. Moción do GPM do BNG, en defensa das reclamacións dos mariñeiros galegos agrupados na asociación LONGHOPE.

Ao inicio do debate, o PP presenta un brevísimo comunicado que asume a maioría das propostas da nosa moción e que, polo mesmo motivo, é considerado redundante e rexeitado unanimemente polo resto dos grupos.

Sometida a votación a nosa moción, é aprobada por unanimidade. A nosa portavoz agradece que se produza este acordo unánime para apoiar a este colectivo.

 

10.Moción do GPM do BNG, a prol da ampliación da acreditación por violencia machista e da creación do estatuto do feminicidio.

O PP amosa un apoio morno, indicando que rexeita o termo feminicidio, que segundo eles nada aporta, e que desde as administracións se están a poñer todos os medios necesarios para loitar contra o problema. A nosa voceira resposta que non é indiferente o xeito en que se lles chame ás cousas, que é preciso recoñecer a realidade do feminicidio nas normas e dotalo dun estatuto propio, e lembrando que en tempos non moi lonxanos tampouco se recoñecía a realidade da violencia de xénero na lexislación, e houbo que percorrer un longo camiño até que así foi. Ademáis queda patente que as medidas adoitadas son de plano insuficientes, e non querer admitilo é vivir de costas á realidade das vítimas. E se o Partido Popular quería presentar unha moción sobre a violencia machista, que o tiveran feito en prazo e forma como si o fixo a portavoz do BNG. Por outra banda, solicitouse que se reclame a ampliación da acreditación de vítima de violencia de xénero e que desde o Concello, por ser a administración máis próxima á cidadanía, se faga un esforzo en canto á prevención e educacións nos valores da igualdade.

Lembra tamén a nosa voceira, que non é nova a posición do PP xa que no pleno do parlamento de Galiza de setembro, onde os nosos compañeiros do BNG presentaron unha proposición non de lei sobre o feminicidio, xa os dous deputados populares noieses votaran en contra.

Os demais grupos manifestan o seu apoio, sendo aprobada a moción coa abstención do PP.

 

11. Moción do GPM da Marea Cidadá de Noia, para o desenvolvemento das medidas precisas para garantir que todas as familias ou unidades de convivencia en situación de risco de exclusión social teñan cubertas as súas necesidades mínimas de auga e electricidade na vivenda habitual.

O punto xera moi pouco debate e concita a unanimidade de todos os grupos. O PP lembra que xa existen medidas do goberno galego para paliar o problema, aínda que estas medidas son cualificadas de insuficientes polo resto dos grupos.

Sometido a votación, o punto é aprobado coa unanimidade de todos os grupos.

 

12. Moción do GPM do PP, para que con carácter inmediato se proceda á celebración da comisión de urbanismo e medio ambiente ao longo do mes de novembro, para o tratamento da actuación “Adecuación da fachada marítima de Noia” e establecemento dunha periodicidade mensual desta comisión.

O salientable deste punto é que a solicitude de convocatoria da comisión que realiza o PP, ten o único fin de facilitar o seguimento da obra que ten proxectada o departamento de Costas do Estado no malecón de Gasset. Non, como erroneamente se publicou en prensa ao día seguinte, para tratar nada relacionado coa rexeneración da ría.

Na discusión, e ante a afirmación do PP de que o concello de Noia terá que colaborar, incluso económicamente, na execución da obra, a nosa voceira lembra que, nese tramo da fachada marítima, a competencia é exclusiva do Estado e que será el quen deba facerse cargo de financiala.

O punto é sometido a votación e aprobado por unanimidade.

 

13. Moción do GPM do PP, para a solicitude á Consellería de Medio Rural de adhesión do concello de Noia á campaña promocional do leite de calidade diferenciada, producida nas explotacións galegas, “Galego 100%”

O noso grupo tiña presentada unha completa emenda a esta moción, por considerala insuficiente e non orientada a atallar os verdadeiros problemas do noso sector lácteo. A nosa voceira considerou que se se levou a pleno unha moción sobre o sector lácteo, sería para falar dese problema con todas as consecuencias, e negouse con firmeza retirar a emenda presentada. Aínda que o PP a rexeitaba por non querer entrar a debater certas cuestións, o resto de grupos votou a favor da súa inclusión.

Na posterior discusión o PP anuncia o seu voto contrario á moción emendada, aínda que o resto de grupos anuncian o seu voto favorable.

Na votación, a moción xa emendada obtivo os votos favorables de todos os grupos, agás o PP, que se abstivo. Cabe indicar tamén que a votación tivo que ser repetida porque, de primeiras, parte do grupo popular votou en contra e parte abstívose, momento no que indicaron que non estaba claro o que se estaba a votar e solicitaron a repetición da votación.

 

14. Moción do GPM do PP, para cumprimento do acordo plenario de agosto de 2015, en relación á obra “Mellora e ampliación da estrada Argote – Ponte de San Francisco, para redacción do proxecto e dedicación da contía necesaria de POS e PAS para esta actuación, así como que se redacte o proxecto do vial de conexión Barquiña – Río do Porto e se dedique a contía necesaria a esta obra nestes plans.

Días antes de celebrarse a Xunta de Voceiros previa ao pleno, a nosa voceira fixera unha solicitude por escrito de que se tratara esta cuestión en conxunto para poder consensuar unha postura sobre os proxectos aos que se destinarían o POS e PAS da Deputación.

Mentres o resto de grupos concordan coa necesidade de acadar un consenso na selección de obras a presentar aos plans provinciais, o PP insiste en ser el quen defina o destino destas inversións. Deste xeito, todos os grupos anuncian o seu voto en contra, ao tempo que o voceiro do goberno convoca xunta de voceiros para o seguinte mércores na que tratar os referidos plans.

Na votación do punto, o PP vota a favor mentres o resto de grupos o fan en contra, polo que queda rexeitado este punto.

 

Chegados a este momento, o pleno acumulaba unha duración de case 4 horas e pasaba das 12 da noite, polo que o Alcalde propuxo deixar o resto da orde do día (rogos e preguntas e, no seu caso, mocións de urxencia) para un vindeiro pleno extraordinario que se ten que convocar cara final de mes para sortear os integrantes das mesas electorais. O resto de grupos aceptan a proposta polo que o pleno se da por suspendido.