POR UNHA DOP PARA O BERBERECHO DA RÍA

Traballando co sector marisqueiro

Xuntanza convocada por Plademar
Xuntanza convocada por Plademar
Traballando co sector marisqueiro

No será do venres tivo lugar en Noia unha xuntanza convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Muros-Noia (Plademar) e representantes do BNG, entre os que se atopaban o exparlamentario e responsable de Pesca do BNG, Daniel Rodas, e a voceira de dita formación no Concello de Noia, Irati García, con motivo da preocupación que están a suscitar no sector marisqueiro os baixos prezos do berberecho durante esta campaña e o sistema de poxa, alén doutras preocupacións como os peches por presenza de toxina e a contaminación das augas da ría de Muros-Noia que ameaza os bancos marisqueiros. As conclusións da xuntanza, na que estiveron presentes arredor dun centenar de mariscadores e mariscadoras, foron que é preciso chamar a atención das distintas administracións para esixir que o berberecho da ría de Muros-Noia, recoñecido como un bivalvo de calidade diferencia, poida contar  cunha Denominación de Orixe Protexida o que favorecería a valorización comercial deste produto e a trazabilidade da orixe no etiquetado, o que ademáis evitaría a introducción de berberechos doutras zonas no mercado e tamén no cultivo, que poidan afectar a esta especie autóctona e con características únicas e garantir a sustentabilidade deste bivalvo.

A este respecto, Irati García anunciou que esta cuestión foi trasladada pola representante do BNG en Europa, Ana Miranda, á Comisión Europea, logo de ter mantido unha xuntanza coa directiva de Plademar en días pasados. O cultivo e comercialización do berberecho é unha importante fonte de recursos para mariscadores e sector económico en xeral desta área, pero está moi afectada pola baixada de prezos na presente campaña, por iso é moi importante a aceptación da Denominación de Orixe Protexida do Berberecho desta zona, para garantir a trazabilidade e a diferencia deste producto e favorecer seu rendimento económico e protección medio ambiental.

O vicepresidente de Plademar, Pablo Silva, anunciou que serán solicitadas sendas xuntanzas coa Confraría de Noia e a Consellería do Mar, para darlles traslado destas peticións, dado que o sector está a sufrir unha situación insostible no tempo.

Dende o BNG trasladaremos propostas neste sentido perante as administracións correspondentes, propostas ás que agardamos se sumen diferentes colectivos, entidades e forzas políticas para que os traballadores e traballadoras da nosa ría vexan dignificado o seu traballo e o berberecho de Noia sexa recoñecido baixo unha Denominación de Orixe Protexida propia.