BÚSCASE PROTEXER A ZONA VERDE QUE RODEA O MAGNOLIO SITUADO NA ROTONDA.

O BNG presenta unha petición para modificar o proxecto de humanización na praza das Américas

foto
Planos da situación actual coa zona verde e a nova proxección en formigón
O noso voceiro, Ricardo Suárez García, presentou esta tarde no rexistro municipal unha petición para que se preserve a zona verde da rotonda da Praza das Américas e deste xeito non se poña en perigo o magnolio que alí se sitúa.
O BNG presenta unha petición para modificar o proxecto de humanización na praza das Américas

O proxecto de humanización da Praza das Américas conta cun orzamento estimado de 71.730 euros, dos cales un 30% que ascende a 21.519 euros recaerá sobre as arcas municipais.

Sen embargo, nun primeiro momento, e segundo o convenio de colaboración asinado entre o Concello de Noia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, contase cun orzamento máximo de 82.881’29 euros, polo que o Concello de Noia asume unha aportación provisoria de 24.864’39 euros.

Aínda que a execución e dirección das obras do proxecto de humanización da Praza das Américas corresponde á Xunta de Galicia, o Concello de Noia é encargado de “levar a cabo as actuacións consistentes na redacción do proxecto que definan as obras a executar”.

O proxecto é susceptible de sufrir modificacións ao seu plan inicial a través da introdución de redaccións engadidas (addendas).

Debido a esta posibilidade, esta tarde o grupo do BNG de Noia presentou unha instancia no Rexistro Municipal para solicitar cambios no proxecto ao non estar conformes polo que explicamos de seguido.

Consideramos inxustificada a eliminación da totalidade da illa verde para introducir no seu lugar un illote de formigón, xa que ademais de supor a eliminación de unha das poucas zonas verdes do barrio de San Lázaro, sen dubida danará a vitalidade do magnolio alí situado ou incluso terá consecuencias peores sobre o mesmo.

Como ben é sabido o sistema radicular dos magnolios precisa de solos profundos e húmidos cunha boa drenaxe. A substitución do solo herbáceo polo de formigón evitará a filtración de auga á que está acostumado o exemplar, que leva alí dende 1993 cando se mercou por 300000 pesetas e se requiriu para a súa plantación o concurso dun enxeñeiro técnico especialista en xardinería que traballaba naquel entón no Servizo de Extensión Agraria de Noia.

Xa de por si é cuestionable a eliminación da metade dunha zona verde aínda que sexa en forma de rotonda, pero aínda máis a eliminación da súa totalidade, xa que entendemos que no peor dos casos debería manterse como solo herbáceo e axardinado o que agora se proxecta en formigón.

Na imaxe observase coma a superficie actual da rotonda se transforma, non só en canto ao seu tamaño senón que eliminándose a zona herbácea.

Dende o noso grupo pedimos que, cando menos, aínda que se reduza a superficie, se manteña coma zona verde no canto do formigón. Podendo deste xeito ademais aforrar os custes do formigón e do incremento que supón a man de obra da súa instalación.

O BNG presenta unha petición para modificar o proxecto de humanización na praza das Américas