Sobre a construción dunha nova EDAR

Orzamento

NON ACEPTAMOS ACRITICAMENTE A IDEA DA NECESIDADE DA CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA ESTACIÓN DEPURADORA DE AUGAS RESIDUAIS.

Sobre a construción dunha nova EDAR

O anuncio efectuado estes días pola Alcaldía de Noia, de que se está a xestionar con Medio Ambiente a construción doutra estación depuradora de augas residuais (polo mal funcionamento da actual), obríganos a facer unha reflexión partindo da non aceptación acrítica da idea desa nova necesidade, non sendo que a mesma estea  tecnicamente moi fundamentada, e non se trate doutro dos moitos anuncios que o alcalde emite de xeito periódico desde que accedeu ao cargo mediante a moción de censura de primeiros do presente ano.

Non é doado de entender que a menos de dous anos e medio de terse concluído unha obra de reparación de todo o sistema, que acadou un orzamento de case 4 millóns de euros, se nos diga que non funciona ou que o seu xeito de depuración xa non é moderno.

Alguén puido pensar inxenuamente que o tránsito entre o sistema de verter directamente e sen depurar todos as augas residuais á ría, e a súa condución a un colector-interceptor  sen ter previamente concluído unha rede separativa (por unha tubaxe as augas residuais e por outra as augas da choiva), ía ser doado?

Isto require, coma xa dixemos en máis dunha ocasión, de seguir traballando; que o saneamento dos vertidos residuais non se resolvía unicamente coa construción do colector-interceptor que descorre pola beira do termo municipal, senón que había que rematar a rede separativa para evitar que as augas pluviais cheguen mesturadas coas residuais e desborden o funcionamento da estación depuradora. E para isto é necesario acometar ano tras ano, e con cargo a fondos propios, plans provinciais e outros convenios que se poidan subscribir co resto das administracións, as obras complementarias necesarias para concluír de xeito definitivo o saneamento integral do municipio.

Sobre a construción dunha nova EDAR