Grupo municipal

Actualmente o Grupo Municipal do BNG no Concello de Noia está formado unha concelleira, Irati García. A seguir, reproducimos a entrevista publicada no número 15 do noso voceiro local, con motivo de encabezar a candidatura do BNG nas pasadas eleccións municipais de 2015.


irati Irati García preséntase ás próximas eleccións municipais como candidata á Alcaldía de Noia polo BNG. A súa participación na vida pública comeza na universidade dentro do movemento estudantil. Desde hai varios anos exerce a súa militancia en Galiza Nova, organización xuvenil autónoma, integrada dentro do BNG. Nos últimos meses vén colaborando de xeito estreito coa Concelleira de Igualdade e Benestar.  

Vostede é unha persoa moi nova. Tendo en conta que o Concello de Noia é a institución municipal con máis entidade na Comarca, non lle abruma a asunción da responsabilidade de encabezar a candidatura do BNG?

Certamente esta responsabilidade en ocasións pode resultar abrumadora, pero desde logo é para min un orgullo asumila e poder compartila coas persoas que me acompañan nesta candidatura, que combina a xuventude coa experiencia e que supoñen para min un apoio imprescindible. Esa é a miña forza, a forza do grupo que actúa unido e coa vontade de traballar polo ben común do pobo de Noia, co cal sen dúbida esta responsabilidade é moito máis asumible e levadeira.

Cal considera que é o principal problema ao que lle ten que facer fronte o Concello de Noia?

Sen lugar a dúbidas en Noia, como na práctica totalidade dos Concellos de Galiza, o principal problema é o do desemprego que, como todos sabemos, aínda que é un problema xeneralizado, estase a cebar máis con determinados sectores da sociedade, como é o da xuventude, que se está vendo abocada a emigrar por falta de oportunidades laborais que lles permitan construír un futuro estable na súa terra.

Cal sería a solución que propón o BNG para resolver este problema?

No BNG temos claro que para solucionar esta situación temos que focalizar a atención sobre a inmensa riqueza da nosa ría e a súa explotación, que como todos sabemos, constitúe un sector económico primordial na zona e unha fonte de emprego moi importante. Pero cremos que se debe dar un paso máis alá en canto ás posibilidades que nos ofrece o sector marisqueiro, non só en canto a actividade extractiva senón tamén en canto á transformación e  comercialización do produto. É dicir, estamos falando da posibilidade de levar a cabo o peche do ciclo produtivo en Noia, o que nos daría a oportunidade de incrementar o número de empregos, unha estabilización dos mesmos ao longo do ano e que o beneficio xerado pola actividade recaia no pobo. Desde logo somos conscientes de que estamos a falar dun proxecto a medio/longo prazo que entraña moitas dificultades, pero estamos seguros que temos que evoluír cara a modelos integrais de produción, e a nosa intención é traballar nesta dirección.

Relacionada con esta cuestión, está a da contaminación da nosa ría, que pensa o BNG a este respecto?

Desde logo o BNG non é alleo ao problema da contaminación da ría e ao avance dos limos sobre os bancos marisqueiros, pero foi logo da reunión que mantivemos co Cabildo da Confraría de Pescadores de Noia, na que nos deron traslado das súas preocupacións ao respecto, cando tomamos conciencia da verdadeira dimensión deste problema que cómpre afrontar con moita seriedade e sen máis dilacións. E por suposto nós temos claro que a solución deste problema non atinxe só ao concello de Noia, senón tamén a outros concellos que se ven implicados na contaminación das augas dos ríos que veñen desembocar na nosa ría , así como ás administracións galega e central. É un problema integral que como tal necesita de solucións integrais. E desde o BNG temos a vontade de facer todo o que sexa posible para que actúen as administracións que teñan responsabilidade neste ámbito. 

O BNG está dacordo coa intervención que anunciaron Portos de Galicia e Costas do Estado no esteiro da ría?

Desde logo apoiamos todas aquelas iniciativas que redunden positivamente na ría e na vila, pero como dixen, para nós o primordial agora é a eliminación da contaminación que hoxe ameaza os bancos marisqueiros, polo cal fuximos de promesas electorais que se centran en actuacións de carácter puramente estético que non van ao fondo do problema.

O PP levaba xa no seu programa, no ano 2011, unha intervención na enseada de Noia. Costas do Estado e Portos de Galiza, organismos gobernados polo PP, acaban de facer público varias actuacións neste ámbito. Non lle p arece estraño que fagan este anuncio ás portas das eleccións?

Ao BNG non lle sorprende este tipo de anuncios. Vén sendo unha práctica habitual no Partido Popular facer promesas a cambio de votos. Se ese partido podía anunciar e iniciar estas obras hai case 4 anos, a razón de que agarde a facer isto ás portas das eleccións está moi clara. O BNG quere denunciar e condenar este tipo de prácticas fraudulentas dos partidos sistémicos, que son unha forma de corrupción da democracia.

O BNG está a facer unha campaña a prol da construción de vivendas de promoción pública. Cre que Noia realmente demanda ou precisa destas vivendas?

A pesar de que en Noia se teñen construído moitas vivendas libres nos últimos anos, a conxunción entre especulación e crise tivo como consecuencia que este sexa un ben que non está ao alcance de moitas familias e que, en consecuencia, necesita da intervención pública. Ademais hai que ter en conta o esforzo que se fixo dende este Concello ao tomar a decisión de ceder un terreo co fin de que se poidan construír vivendas de promoción pública, de calidade e a uns prezos non sometidos á especulación, e polo tanto, máis accesibles.

Que é o máis salientable da súa labor nestes catro anos nas Concellarías que ocupan?

Coido que no relativo á responsabilidade en Urbanismo, o esforzo e a dedicación realizado no período de exposición pública do PXOM, xa xustificaría por si mesmo a totalidade do mandato. En Patrimonio e Casco Histórico fixéronse cousas interesantes: traballo continuado no labor a prol do "deber de conservación", exposición permanente de restos arqueolóxicos e arquitectónicos, etc. En Igualdade e Benestar, a celebración do pasado 25 de Novembro, "Día Internacional contra a Violencia de Xénero", converteuse nunha extensa programación de actividades relacionadas con este tema. Adquiríronse aparatos para facilitar o labor entre a auxiliar do fogar e o usuario/a: un sube-escaleiras e unha grúa de transferencias. Obradoiros de Memoria en todas as parroquias. Estase a xestionar un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas. Organízanse actividades de ximnasia para maiores, durante todo o ano. Iniciáronse as xestións cos concellos da comarca para mancomunar os servizo público do STAND, etc. 

Considera vostede que actualmente o grao de democracia na institución municipal é suficiente?

Consideramos que o grao de democracia e participación cidadá e claramente insuficiente, xa que hai moitas decisións nas que poden intervir os veciños e veciñas, polo que é claramente necesario camiñar cara a modelos de participación máis abertos. Recolleremos diversas propostas no noso programa que irán neste sentido, tales como a dos orzamentos participativos, consellos parroquiais e outras.