visita
UNKNOWN

Visita do deputado Xosé Luís Rivas (Mini) a Noia e Lousame

Esta mesma mañá os voceiros municipais do BNG de Lousame e de Noia, Amador Turnes e Irati García respectivamente, xunto con outros compañeiros da formación e veciños de Lousame, recibimos a visita do Deputado do BNG no Parlamento Galego Xosé Luís Rivas (Mini), ao que lle demos traslado das nosas inquedanzas sobre o proxecto de vertedoiro de residuos industriais e a solicitude de verquido de augas procedentes da mina de San Fins e como poden afectar aos bancos marisqueiros da nosa ría, que xeran arredor de 1700 postos de emprego directos na zona. Xosé Luis, que o mércores levará ao pleno do Parlamento unha pregunta sobre o proxecto do vertedoiro realizou unha visita á zona da mina de San Fins así como aos areais onde se atopan os bancos marisqueiros que concentran unha maior riqueza natural na zona, o berberecho, para o cal será solicitado a mención de Denominación de Orixe Protexida.

Ao remate da visita, o voceiro do BNG de Lousame, xunto co actual representante do Partido da Terra en dito Concello, rexistraron unha solicitude de celebración de pleno extraordinario para tratar o problema da solicitude do verquido de arredor dun millón de metros cúbicos de augas da mina de San Fins, logo de non ser incluída unha moción presentada polo BNG na orde do día do pleno ordinario do pasado venres nin ser aceptada a súa inclusión pola vía de urxencia, nun atentado aos dereitos dos representantes municipais e por extensión aos da veciñanza que estes representan.

O BNG de Noia ten rexistrada a mesma moción, que agardamos poida ser tratada no pleno ordinario da vindeira semana.

Ler novas