Moción de apoio á loita contra o anteproxecto de lei de acuicultura

Moción de apoio á loita contra o anteproxecto de lei de acuicultura

No pleno ordinario de xaneiro, que se celebrará esta tarde ás 20:30, vaise debater unha moción do Grupo Político Municipal do BNG, na que solicitamos do Concello apoio material á loita pola retirada do anteproxecto de lei de acuicultura de Galiza.

O seu texto íntegro é o seguinte:

---

O Grupo Municipal do BNG, ao abeiro do establecido no artigo 21.2 do Regulamento Orgánico do Concello de Noia formula, para o seu debate e aprobación en Pleno, a seguinte

M O C I Ó N

Exposición de motivos:

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego trouxo para o seu debate e aprobación na sesión plenaria ordinaria do pasado mes de decembro de 2015 unha moción na que se solicitaba a retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia, así como o establecemento dun amplo diálogo co sector que dea pé a presentación dun texto legal consesuado co mesmo.

Como é de dominio público, esta agrupación vén de celebrar unha xuntanza informativa co sector o pasado 11 de xaneiro, que concluiu nun acordo por parte dos presentes na necesidade de organizarse nunha plataforma plural e mobilizarse para evitar que este Anteproxecto tan lesivo para os intereses do colectivo mariscador, e por extensión para a economía non só deste Concello senón tamén da Comarca, non vexa a luz ata que non sexa debidamente negociado cos axentes afectados pola norma e garanta os seus intereses e o mantenemento do carácter íntegramente público dos recursos así como o modelo igualitario de explotación colectivo dos mesmos.

Debido ao grande número de persoas que compoñen o colectivo mariscador no noso Concello, e conscientes das dificultades que entrañan as cuestións organizativas dun grupo tan numeroso, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego propón ao Pleno a toma dos seguintes

ACORDOS

- O Concello de Noia comprométese a dotar dos medios precisos ao colectivo que impulsa a creación da Plataforma: locais de reunión, megafonía, así como outros que sexan precisos e que sexan debidamente solicitados.

- Perante posibles mobilizacións nun futuro próximo, este Concello garantirá a posta a disposición das persoas interesadas dos medios de transporte colectivo ata os lugares onde sexan celebradas ditas mobilizacións.

En Noia, a 11 de Xaneiro de 2016

Moción de apoio á loita contra o anteproxecto de lei de acuicultura