PROPOSTAS PARA OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2017

Propostas para os orzamentos municipais de 2017

BNG_Orzamentos2
Propostas orzamento municipal 2017

O BNG de Noia, perante as numerosas necesidades e demandas trasladadas pola veciñanza en distintas xuntanzas, fai achega dalgunhas propostas para a súa inclusión no Orzamento do ano 2017.

Propostas para os orzamentos municipais de 2017

Estas propostas non teñen o ánimo de ser exhaustivas, polo cal durante o ano continuaremos recollendo e dando traslado ao pleno e ás comisións doutras necesidades existentes, moitas delas causa directa dun mal ou inexistente mantemento, que semella estar cronificado. Mais non queremos perder o horizonte do social, polo cal requerimos ao actual goberno a que prosiga a senda marcada no mandato municipal de 2011-2015, durante o cal se viron incrementadas as partidas de axudas a diversas entidades sociais e culturais, as de emerxencias sociais e axudas á educación, entre outras. Cabe destacar o labor destas entidades, que están a asumir a prestación duns servizos que deberían ser prestados dende as administracións, mais dado o proceso de desmantelamento de distintos servizos públicos noutros niveis, non podemos mais que apoiar a estas entidades  que están a chegar alí onde non están chegando as administracións. Dende o BNG non admitiremos un retroceso neste senso, senón que estimamos que debe producirse un reforzo en ditas partidas, sen perder, por suposto, o horizonte doutras necesidades recoñecidas por todos.

Nas xuntanzas mantidas coa veciñanza das distintas parroquias, percibimos un certo desequilibrio na prestación dos  servizo públicos, o que está provocar desigualdade na recepción dos mesmos nos diferentes núcleos poboacionais do noso concello. Co cal estimamos que este orzamento debe ter como unha das súas prioridades tratar de corrixir este desequilibrio.

Por isto, e como xa dixemos, sen o ánimo de ser exhaustivos, remitimos ao Concello distintas propostas co fin de que sexan tidas en conta nos orzamentos do ano 2017:
 

  • Consignación da segunda anualidade, recollida no expediente de crédito extraordinario 4/2015, aprobado por unanimidade no Pleno do 21.05.15 para a compra do inmoble da Casa da Cultura. Lembrar que tal iniciativa ten coma obxectivo principal o da ampliación do Museo de Laudas Gremiais de Sta. María a Nova. Contía: 250.000,00 euros.
     
  • Na liña de ir avanzando na conclusión do saneamento integral do termo municipal, consultar o Catálogo de Accións recollido no PXOM, concretamente o apartado de Sistema  Insfraestrutura de Servizos, e incluír algunha das accións contempladas no mesmo. As necesidades son numerosas e en diversos núcleos, co cal non constreñimos a elección de prioridade, xa que todas teñen carácter prioritario de cara a prestación dun mellor servizo para a veciñanza e o saneamento da ría. Esta partida complementarase co POS + 2017 da Deputación de A Coruña.
     
  • A posición do BNG respecto da necesidade da construción do segundo acceso á Barquiña é clara; tal actuación deberá ficar resolta no presente mandato municipal. Para tal fin propomos consignar partida económica para a redacción do proxecto técnico do “Novo vial A Barquiña-Barro” que, partindo da Corredoira do Ruso, avanzará polo Río do Porto ata  a súa desembocadura na Rúa Castelao. Unha vez que o PXOM conte coa aprobación definitiva, a construcción deste segundo acceso debe ser prioritario.
     
  • Consignación de partida económica para a realización dos arranxos precisos na rúa Castelao (Barro).
     
  • Consignación de partida económica para a realización dos arranxos precisos na rúa Santísima Trinidade, cuxo firme presenta afundimentos e roturas en diversos puntos debido ao excesivo tráfico que circula por dita rúa, sendo causa de filtracións de auga ao garaxe da urbanización ademáis doutros problemas.
     
  • Consignación de partida económica suficiente para a construción do Museo do Mar de Noia.
     
  • No último mandato municipal encetouse un programa dirixido á mellora das contornas de igrexas e cemiterios parroquias existentes no termo municipal. De tal maneira executáronse as de Argalo, Boa, e tamén a de Sta. María de Roo. Propomos a consignación de partida económica para acometer neste exercicio a mellora da contorna da igrexa e cemiterio parroquial do Obre (empedrado, alumado e servizos). Contía: 125.000,00 euros.
     
  • Incremento das contías dos convenios coas entidades sen ánimo de lucro que realizan labor social (A Creba, Misela, Cáritas, Cruz Vermella e Solidaridade Galega co Pobo Saharaui), na mesma liña en que se fixo durante o mandato 2011-2015.
     
  • Mantemento da contía asignada ao Servizo de Tratamento a Nenos con Discapacidade no último orzamento aprobado. A sinatura do convenio cos outros concellos que aportan usuarios non debe supoñer unha redución da contía asignada polo Concello de Noia, co fin de garantir non só a pervivencia deste servizo, senón tamén  de melloras no mesmo e nas súas instalacións, que redundarán nas persoas usuarias e a súas familias e ,finalmente, na sociedade.
     
  • Incremento das axudas á educación, co fin de axudar ás familias noiesas cos custes de educación (para material, transporte escolar e o servizo de comedor).
     
  • Establecemento dun Servizo de Normalización Lingüística. Isto permitirá dar cumprimento á proposta do BNG que contou co apoio do actual goberno municipal de formar parte do “Proxecto Apego”, para a socialización dos máis pequenos e pequenas en galego. Hai que ter en conta, que a creación e mantemento deste servizo contaría con axudas da Deputación de A Coruña, o cal permitiría que este servizo non tivese que ser costeado íntegramente co cargo ás arcas municipais.
     
  • Incremento das subvencións a entidades deportivas, educativas, con fins sociais, culturais...
     
  • Inclusión da asociación Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia como entidade beneficiaria de subvención nominativa por parte do Concello de Noia.
     
  • Arranxos nas instalacións deportivas de Pontenafonso, Barro e paseo marítimo de Noia.
     
  • Estación depuradora en Pontenafonso. Se ben esta foi proxectada para poder ser realizada no mandato 2011-2015, con cargo aos plans da Deputación de A Coruña, o que non puido ser por distintos problemas na tramitación de autorizacións e permisos, insistimos no establecemento da mesma.
     
  • Vestiario para mulleres nas instalacións deportivas de San Lázaro. As instalacións deportivas de San Lázaro, nas que realizan as súas actividades distintos clubes, nomeadamente os de fútbol e atletismo, non contan con vestiarios para mulleres, estando obrigadas as mulleres, principalmente menores, a acudir ás instalacións do instituto.
     
  • Melloras nas instalacións do parque infantil da Barquiña. A solicitude concrétase na necesidade de complementar as escasas instalacións.
     
  • Acondicionamento do acceso a Paralada (Barquiña).
     
  • Acondicionamento do local social do Obre.
     
  • Canalización das augas que discorren pola zona do campo da festa do Obre. 
     
  • Renovación do firme dende a Agra de Currais até o Camiño de Currais.
Propostas para os orzamentos municipais de 2017