A propósito do PXOM

POSICIÓN DO BNG SOBRE A NON OUTORGACIÓN  DA APROBACIÓN DEFINITIVA DO PXOM DE NOIA POR PARTE DA DIRECCIÓN XERAL DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO E URBANISMO MEDIANTE ORDE DO 13 DE DECEMBRO DE 2017

A propósito do PXOM

O primeiro que temos que dicir respecto da cuestión é que non estamos ante unha situación excepcional, todo o contrario, trátase dunha actuación da administración  galega habitual nos procedementos de aprobación definitiva dos planeamentos urbanísticos en tramitación, consistente na esixencia de correccións que a mesma considera necesario. Cousa distinta sería que o organismo competente denegase a aprobación do Plan ao considerar que as deficiencias constatadas non foran susceptibles de emenda; non é o caso. 

Agora ben, dito isto, a cidadanía de Noia ten que saber que as cautelas impostas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, van facer que a ordenación proposta no Documento de aprobación provisional vaise ver alterada de xeito substancial en moitos dos ámbitos obxecto do mesmo. Poñemos o exemplo da denominada península de Barro, (zona comprendido entre a piscina municipal e o lugar coñecido coma o Talleraco) que sofre unha mingua importante xa que se insta á supresión da maioría de áreas de reparto, coa conseguinte frustración por parte do conxunto da propiedade que vai ver imposibilitada a urbanización proposta, que xa era mesurada e respectuosa co medio do que se trata.

Outro tanto do mesmo ocorre co solo de núcleo rural, onde moitos núcleos van ver coutados as propostas de expansión incluídas no Documento de aprobación provisional do PXOM.

Cousa distinta é a corrección dos erros materiais que se detectaron e que loxicamente hai que reparar en beneficio do interese xeral e co obxectivo de garantir, no futuro, un Documento fiable para a cidadanía de Noia e para todos os operadores que actúan nos procesos de transformación do solo.

Se ao final deste proceso, o resultado do mesmo é un PXOM que se limite a unha simple “actualización” das Normas Subsidiarias de 1991, con menos capacidade edificatoria que estas, e o goberno local non fai uso das competencias que lle son propias e inherentes a todo planificador urbanístico, lembrándolle á Xunta de Galiza que a súa fiscalización debe limitarse a aquelas determinacións que entren en contradición coa planificación supramunicipal, o BNG poderá repensar o sentido do seu voto se o Documento ten que volver a ser sometido á consideración do Pleno do Municipal.

A propósito do PXOM