A ESTA CANTIDADE HABERÁ QUE SUMAR O CUSTE DA REPOSICIÓN E SOTERRAMENTO DUN TRANSFORMADOR NA ZONA.

A mala praxe de costas e goberno municipal na obra da fachada marítima custará cando menos 30000 € aos noieses

Ponte Vella no S.XIX

O Plan de Conservación do Casco histórico establece que a Ponte de Noia é un "elemento que constitúe unha peza importante na silueta e imaxe urbana xeral do casco histórico". Tamén establece que os elementos patrimoniais como ramplas e elementos pétreos do petril teñen que ser respectados ao instalar calquera tipo de pasarela. Cousas que non ten en conta o proxecto da "Adecuación da Fachada Marítima de Noia".

Ademais das consecuencias que esta obra terá sobre o noso patrimonio, a falta de previsión no proxecto de 'Adecuación da Fachada Marítima' supuso a inversión de cando menos 30000 € das arcas municipais non orzamentados na reposición de servizos básicos, ao que se lle sumará a necesidade de reposición e soterramento dun transformador na zona, obra tamén asumida cos recursos propios, ao contrario do que o goberno local deu a entender nos medios de comunicación.

A mala praxe de costas e goberno municipal na obra da fachada marítima custará cando menos 30000 € aos noieses

Consideracións sobre o proxecto da ‘Adecuación da Fachada Marítima de Noia’.

Seguridade viaria, prioridade histórica do BNG en Noia.

A seguridade viaria é unha das prioridades do grupo municipal do BNG de Noia, como ben demostra a nosa insistencia dende o ano 2009 pola instalación dunha rotonda no cruce da Barquiña, considerado o principal punto negro da rede viaria da zona Barbanza-Muros-Noia, rotonda que aínda non existe a pesar dos continuos anuncios do goberno da súa instalación.

Mais non só insistimos en canto á rotonda da Barquiña. Tamén levamos tempo reclamando solucións para problemáticas como as da carencia pasos de peóns en zonas coma Boa e Eiroa, que xeran unha grande inseguridade á veciñanza destes lugares. Levamos ás sesións plenarias problemas endémicos de Noia como a ausencia de paradas do autobús axeitadas ou as inexistentes beirarrúas entre o Campo das Rodas e Sobreviñas. Apoiamos reivindicacións como a da asociación veciñal ‘Montes de Carracido’ para mellorar a seguridade viaria entre os cruces de Santa Cristina e a Barquiña. E preocupámonos pola necesidade de limitar a velocidade na estrada que leva á Cova da Moura e pola que tanta xente vai pasear.

Defendemos tamén, polo tanto, a mellora da seguridade na contorna da Ponte de Noia, mais cremos, ao mesmo tempo, que non se escolleu unha solución axeitada para o problema.

 

 

Anulación de elementos patrimoniais e segunda ferida á ponte tras a realizada nos anos 80.

A razón pola cal cremos que non se escolleu unha boa solución para a problemática da seguridade viaria na contorna da Ponte de Noia é de índole patrimonial. O proxecto da ‘Adecuación da fachada marítima de Noia’ que se está a levar a cabo elimina grande parte da propia “fachada histórica” que se pretende adecuar, a cal, deberiamos de poñer en valor en lugar de rexeitar.

Falamos neste caso dun paseo de ribeira inxerido a carón do petril do Malecón de Gasset, do que se instalou polo de agora a súa primeira fase. Esta zona está incluída dentro de perímetro regulado polo ‘Plan Especial de Reforma Interior e Conservación Artística do Casco Histórico de Noia’ que en referencia a este tipo de paseos establece a necesidade de que a súa instalación “integre os muros de fábrica e ramplas actuais e outros elementos pétreos de interese na nova aliñación do perímetro dos malecóns.” Afirmación que, dende o noso punto de vista, deslexitima a aprobación da actuación.

Tamén dende un punto de vista patrimonial, neste caso polo dano que se infrinxe á propia Ponte de Noia, recoñecida no Plan do Casco Histórico coma un "elemento que constitúe unha peza importante na silueta e imaxe urbana xeral do casco histórico", rexeitamos a idoneidade do proxecto en canto ao xeito de inclusión da rotonda que conducirá o tránsito rodado cara a ponte.

O aspecto primixenio da histórica ponte xa foi atropelado pola primeira modificación dos anos 80, que para ampliar a capacidade de tránsito dos vehículos, optou por unha actuación que restrinxía a apreciación da beleza histórica da senlleira entrada na vila de Noia pola Porta da Peregrina.

A actuación que dará lugar a instalación desta rotonda supón unha nova lousa enriba da conservación do aspecto patrimonial da nosa vila mariñeira na que era a principal entrada comercial e peregrina en pleno ano xacobeo. Unha nova deturpación dunha ponte que conta nivel de protección de Catalogación II (protección estrutural), a través da demolición do firme e da beirarrúa dos primeiros 30 metros da ponte, que ademais, perden totalmente a súa visualización.

Unha actuación sobre o noso patrimonio que reflicte a consideración deste goberno polo mesmo, un goberno que no canto de apostar polo coñecemento etnográfico e histórico dunha das principais vilas medievais galegas, condena ao esquecemento importantes elementos como o primixenio Porto do Poxilgo ou a muralla defensiva que este ano cumpre 700 anos.

 

 

Costas fai un proxecto que non ten en conta o subsolo e o Concello nin o revisa.

Se non chegase coa crítica de base ao proxecto, aínda máis incrible resulta a inaptitude de Costas do Estado e do Goberno Local de Noia, no primeiro caso por nula previsión e no segundo por unha desidia absoluta no cumprimento das súas funcións.

O proxecto de Adecuación da Fachada Marítima, na segunda das partes correspondente a Costas do Estado, non ten en conta as implicacións da obra sobre o subsolo en ningún momento, da a total impresión de ser un proxecto realizado sobre plano sen ter en conta os servizos básicos que se encontran debaixo do asfalto.

Este feito próbao o longo período de paralización dunha obra que, nun primeiro momento, ía contar cun tráfico restablecido en cuestión de pouco máis dunha semana. O problema resultou ao non ter en conta que a escavación afectaría aos servizos básicos que dependían directamente das tubaxes soterradas nesa zona.

Resulta totalmente incrible que o Goberno Local de Noia, logo de realizar a revisión do proxecto e de xeito previo ao comezo da obra, non trasladase nin a Costas do Estado nin a empresa concesionaria a necesidade de ter este aspecto en conta, tanto a nivel técnico como a nivel de financiamento.

 

Os prexuízos económicos e viarios da actuación.

De esta falta de idoneidade do proxecto derívase o triplo prexuízo do proxecto: patrimonial, económico e viario. Ademais do aspecto patrimonial sobre o que xa afondamos anteriormente, non carecen de importancia os aspectos económicos derivados desta actuación.

A necesidade de modificación do proxecto ten coma consecuencia directa a paralización da obra, producindo uns problemas de tráfico aínda maiores dos que teoricamente se van a solucionar durante un tempo prolongado e xerando incremento dos custes da obra que aínda descoñecemos.

Sabemos que o Partido Popular non ten afecto ningún polo recursos cando son de outras administracións que non é a local e que sempre poñen de escusa dun incremento dos custes dicindo que estes non recaen sobre a facenda local coma se o mal emprego dos cartos públicos non afectase ao contribuínte.

Deste xeito tratan de facer ver que as arcas municipais non se verán afectadas, o cal non elimina a mala praxe de Costas do Estado e do Goberno Municipal. Mais o peor de todo é que o que fan ver non é verídico, xa que cando menos, a falta de revisión do proxecto do goberno local xa tivo uns custes de máis de 30000€ de recursos propios.

O pagamento de 30000€ do Municipio de Noia a COPCISA, empresa concesionaria do proxecto de Adecuación da Fachada Marítima de Noia, derivan da obriga de repoñer tubaxes de servizos básicos, concretamente 14827 € polo saneamento do Malecón de Cadarso e 14938 € da adecuación das canalizacións eléctricas entre o Casco Urbano e o Campo das Rodas.

E dicimos máis de 30000 €, porque ás dúas actuacións anteriores temos que sumar os recursos propios empregados para a renovación e  soterramento do Centro de Transformación Poxilgo – Malecón de Cadarso, obra que foi adxudicada a unha empresa que non é COPCISA e que polo tanto non pode atribuírse ao orzamento do proxecto de Adecuación da Fachada Marítima de Noia, como quería facer ver o Goberno Local nos medios de comunicación.  

A mala praxe de costas e goberno municipal na obra da fachada marítima custará cando menos 30000 € aos noieses