Visita institucional da Vicepresidenta da Deputación

Visita institucional da Vicepresidenta da Deputación

Na mañá de hoxe, e acompañada por Ánxela Franco, Deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, a Vicepresidenta do ente provincial, Goretti Sanmartín, visitou o noso concello para manter unha reunión de traballo con tódolos grupos da corporación.

Visita institucional

O obxectivo principal da reunión era tratar dos plans provinciais actualmente en vigor (Plan de Acción Social e Plan de Obras e Servizos), aínda que tamén se aproveitou para dar a coñecer os novos plans previstos e tomar nota das necesidades do concello.

Entre as novidades que anunciaron atópase un plan específico para patrimonio, que podería ser de grande importancia para Noia, por exemplo en cuestións relativas ás laudas gremiais de Santa María a Nova.

Tamén deron conta dun futuro plan de carácter medioambiental ao que o noso concello se podería adherir con proxectos enfocados á rexeneración da ría. Por último, informaron dun plan enfocado á normalización lingüística que se convocará en breve.

Nesta nova etapa da Deputación, á que se deu paso coa entrada do BNG no goberno da mesma, o obxectivo fundamental é reducir o seu peso, adelgazándoa de competencias en beneficio dos concellos e da Xunta de Galiza. Para iso, primaráse a comarcalización de servizos, reduciráse a concesión de subvencións nominativas e daráselle máis peso aos criterios técnicos nos plans provinciais. Todo co fin de conseguir, dunha vez por todas, unha Deputación de tod@s.

Finalizada a reunión, as Deputadas, acompañadas pola voceira do GPM do BNG de Noia, Irati García, visitaron o Museo do Mar, onde foron informadas polos seus responsables das súas necesidades e dos seus proxectos de futuro.

Esta visita institucional é continuación doutra que realizou a semana pasada a Deputada Ánxela Franco. Nela, e acompañada de Irati Carcía, visitou as instalacións da Misela (Asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Muros e Noia) e da Creba (Asociación Pro Saúde Mental); quedando emplazada para unha próxima xuntanza coas traballadoras do Servizo de Tratamento a Nenos con Discapacidade (STAND), dependente do Concello de Noia.

Visita institucional da Vicepresidenta da Deputación