Mentiras e falta de vergoña no vídeo de campaña do PP de Noia

Mentiras e falta de vergoña no vídeo de campaña do PP de Noia

Os populares empregan logros do actual goberno municipal, proxectos contra os que votaron e moita hipocrisía no seu vídeo de campaña.

O BNG de Noia quere manifestar a súa indignación ante o vídeo de campaña recentemente presentado polo candidato dos populares á alcaldía. Non é un feito que nos sorprenda, habida conta da traxectoria deste partido, pero si cremos necesario poñelo de manifesto para coñecemento de todos aqueles veciños e veciñas que non se atopen ao corrente da vida municipal.

A peza comeza salientando que o candidato se presenta con “importantes investimentos xa comprometidos”. Con que administracións?, cabería preguntar. Quere dicirnos que a Xunta e o goberno do Estado comprometeron investimentos cun cidadán do común? En calidade de que negociou o Sr. Freire eses investimentos? Como candidato á alcaldía? E se finalmente non resulta elixido Alcalde, que pasará con todas esas obras xa comprometidas?

Para garantir a solvencia destes compromisos, afirman que “acreditamos afinidade e colaboración con outras administracións”. Por que non o chaman polo seu nome? Porque non din que o que están a esgrimir é o caciquismo como argumento electoral? O BNG repudia esta forma de entender a administración, na que as obras se fan só en concellos amigos ou para beneficiar as candidaturas de membros do teu partido. Se as inversións comprometidas son realmente necesarias para Noia, a Xunta e o Estado deberían estar xa executándoas, e non agardar a que haxa un goberno local amigo.

No vídeo tamén se afirma que “facer navegable o porto é o obxectivo”, co fin de promover o turismo náutico. Esta é a promesa diabólica ou de imposible cumprimento. Acaso non se lembran no PP do viaduto que inauguraron hai pouco máis dun ano? Non teñen constancia de que o seu taboleiro se sitúa a só 6 metros por enriba da preamar? Cantos veleiros deportivos ou de recreo cren que poden navegar por debaixo desa infraestrutura? Ou é que se refiren á navegación con submarinos e por iso se acomete tamén a dragaxe da canle?

A seguinte promesa é a directamente ilegal. Ou é que cando prometen que “conectaremos os malecóns cunha ponte diagonal” ignoran que o PXOM actualmente en fase de aprobación impide esa obra? Ou é que pretenden chegar á alcaldía para desbotar todo o traballo feito e comezar coa redacción dun novo plan, condenando directamente aos veciños e veciñas a outro mandato municipal enteiro sen este instrumento aprobado?

No orde económico din que pretenden “fomentar emprego ampliando chan industrial”. Este é un eido no que o candidato popular xa ten unha certa experiencia dos seus mandatos no veciño concello de Lousame, polo que o que realmente botamos en falta son exemplos dos seus éxitos neste eido. Como non os incluíron no vídeo, convidamos a toda a veciñanza de Noia a achegarse ata Fontefría, ou ata Meixonfrío, e así poder valorar por si mesmos o legado de 12 anos de traballo neste campo, e poder decidir se queren o mesmo para Noia.

Promesa en 2005: 25000 m2 en Tállara e 150000 en Fontefría. Realidade en 2015: Menos de 2000 en Tállara e 0 en Fontefría.

Para o remate deixaron unha serie de promesas que non podemos considerar máis que fillas da hipocrisía. Que outra cousa pode ser afirmar que buscan a “rehabilitación da fábrica da Chaínza” ou a “recuperación do Casino”, cando se opuxeron frontalmente á súa compra, levada a cabo neste último mandato municipal?

Hipocrisía tamén hai na proposta de “creación do Museo das Laudas Gremiais e do Mar”. Acaso descoñecen que a compra dun inmoble para o Museo das Laudas xa foi aprobada polo actual goberno municipal?

Capítulo aparte, por sangrante, merece a mención á creación do Museo do Mar. Afortunadamente, hoxe ese museo xa existe e é froito do traballo altruísta dunha asociación de persoas voluntarias que, co seu empeño, musealizaron unha colección que hoxe é referente a nivel galego. Pois ben, cando durante os últimos meses do actual mandato municipal se aprobou a ampliación do actual museo, o partido popular posicionouse en contra do proxecto, sen ofrecer ningún tipo de alternativa ou solución.

Ampliación do Museo do Mar

Ás persoas que formamos o BNG gustaríanos que a campaña se desenvolvese doutro xeito, con argumentos razoados e razoables e sen botar man da mentira ou da hipocrisía, polo que consideramos que a elaboración deste vídeo é un moi mal punto de partida. Por este motivo, convidamos ao Partido Popular a que aclare todas as dúbidas que suscitan as súa promesas e, sobre todo, a que non se apropie do traballo alleo.

Mentiras e falta de vergoña no vídeo de campaña do PP de Noia