ABSTÉMONOS NA APROBACIÓN DA CONTA XERAL
Conta Xeral de 2016
No pleno ordinario do pasado 26 de setembro procedeuse á aprobación da conta xeral do ano 2016, da cal o BNG se abstivo unha vez analizada a xestión realizada nos aspectos económicos, financeiro, patrimonial e orzamentario, en definitiva, a xestión do goberno de Santiago Freire dos cartos que son de todas e todos nós, durante o ano 2016.
Analizados os datos dos que dispoñemos, vemos que a endémica falta de persoal no noso Concello e as trabas que supoñen as normas emanadas do goberno do Estado para a contratación do mesmo son causa de mais dunha dor de cabeza e tropezos e erros na xestión. O Partido Popular atópase con dificultades e pedras no camiño postas polos seus propios colegas, unido isto ao que entendemos unha verdadeira falta de planificación e a constante improvisación na xestión política.
Podemos ver como desde o servizo de Intervención se fala de como a normativa orzamentaria impón unha restricción do gasto en persoal sen valorar o incremento que se produce no capítulo adicado aos bens correntes e servizos, existindo grandes restricións para crear postos de traballo, o que para os concellos pequenos e medianos (menos de 20.000 habitantes), con, menos recursos humanos supón problemas para crear cadros de persoal eficaces.
E isto que conleva?
En primeiro lugar, a falta de creación de emprego nunha época na que precisamente o emprego digno e en condicións non precarias é un ben escaso, tal e como arroxan os datos estatísticos, aínda que algúns pretendan vender brotes verdes e crecemento de emprego.
En segundo lugar, isto provoca a externalización de servizos que deberan ser prestados directamente polos entes públicos a través de persoal propio. Este é o ben coñecido proceso de privatización no que levamos anos inmersos, e que ten afectado a servizos tan esenciais para a comunidade como o son os servizos sociais, entre outros. O BNG ten traballado pola municipalización de servizos en anteriores mandatos, e nesta liña se debe seguir a traballar. Mais o marco legal impón trabas neste senso, redundando directamente dun xeito negativo tanto no erario público como na veciñanza.
En terceiro lugar, a falta de persoal nos organismos públicos conleva que os procesos de selección de persoal, creación de bolsas de emprego e demais se convirtan nunha carga extraordinaria dentro da xestión habitual, xa que son os propios traballadores e traballadoras do Concello os que teñen que afrontar a burocracia dos procesos ademais do traballo diario. En consecuencia, non son infrecuentes as contratacións irregulares de persoal, a utilización de bolsas de emprego caducadas ou a creación das mesmas sen data de caducidade, impedindo o acceso durante tempo ilimitado aos novos opositores aos postos públicos.
En cuarto lugar, achamos as contratacións irregulares de servizos, algunhas das cales se veñen producindo mandato tras mandato, sen que se proceda á correspondente regularización, irregulares nalgúns casos por non existir base contractual, noutros por adolecer a contratación de causas de nulidade ou anulabilidade e noutros porque transcurrido o tempo non son licitados públicamente para permitir a participación doutras empresas da posibilidade de contratación. Neste senso o BNG considera que se debe proceder a un plan de regularización por parte do Concello.
En quinto lugar, a demora na tramitación dos expedientes, que conleva a insatisfacción da veciñanza e unha mala imaxe do ente público, sendo este tildado de lento e ineficaz. En consecuencia e de xeito falaz, o privado semella ser mais rápido e ofrecer un servizo mais eficaz, caendo así na perigosa trampa da privatización e as súas graves consecuencias.
En sexto lugar, o incumprimento de numerosos anuncios, promesas e acordos plenarios, cuxa execución se ve postergada indefinidamente ou que no peor dos casos son directamente gardados no caixón do esquecemento. Un dos exemplos é o acordo tomado polo pleno a proposta do BNG para a contratación dun normalizador lingüístico, que permitiría facer parte ao noso concello do Proxecto Apego, para a cal existía unha subvención solicitada á Deputación durante o mandato de Miguel Paz, que non só non foi utilizada para dar cumplimento o acordo tomado por unanimidade, senón que foi devolta con intereses.
En séptimo lugar, a consecuencia palmaria de todo o exposto vese reflectida na falta de capacidade para atender a todas as necesidades existentes, destacadamente nas parroquias, nas que o goberno semella incapaz, por poñer un exemplo entre centos, de proceder ao arranxo da marquesiña dunha parada na que agardan os rapaces polo autobús da escola, como acontece en Boa.
Outras cuestións preocupantes son as dos sobrecustes, que constitúen u agravio para as arcas municipais. Cuestión complexa a do actual modelo para a contratación de empresas, un modelo que facilita a presentación de proxectos con custes á baixa que na execución se poden ver multiplicados.
Mais esta é a parte que nunca vos contarán nin La Voz de Galicia, nin El Correo, nin a Televisión do Salnés, nin a COPE, nin ningún dos medios “amigos” que desde que goberna Santiago Freire disfrutan duns contratos “cuxos obxectos son esaxeradamente imprecisos, sen constar nin o tamaño dos anuncios nin a súa ubicación nos diarios, nin a duración ou franxa horaria na que se emitarán os da televisión. Tampouco se recolle a frecuencia coa que se publicarán ou se emitirán”, como se desprende dun bo número de reparos emitidos pola Internvención do Concello.
A perversión e o desmantelamento progresivo do público non é alleo ao noso Concello e á veciñanza de Noia como podemos comprobar, e desde logo, esta situación non merece nin termos medios nin paliativos de ningunha clase, senón que hai que para combatela, hai que admitila.