Deconstruíndo a Santiago Freire

Débeda viva e débeda a proveedores
Débeda viva e débeda a proveedores
Deconstruíndo a Santiago Freire

O candidato dos populares noieses é presentado como garantía de solvencia, estabilidade e boa xestión, pero a realidade é ben distinta.

José Santiago Freire Abeijón foi alcalde de Lousame durante tres lexislaturas consecutivas. Na de 2003-2007 gobernando en coalición e nas dúas seguintes con maiorías absolutas esmagadoras. Non deixa de ser curiosa a súa teima actual por menosprezar os gobernos de coalición, cando o seu primeiro mandato tivo esta forma.

Goberno de coalición en 2003

Como grandes fitos dos seus tres mandatos podemos destacar os seguintes:

- O fracaso estrepitoso na promoción de chan industrial no concello. Non cabe cualificalo doutro xeito cando, ao cabo de 10 anos, só se puxeron en funcionamento 2.000 metros cadrados dos 175.000 prometidos; apenas 4 ferrados, en unidades máis familiares.

- O ridículo do concurso para a xestión das instalacións da antiga estación DECCA, no Iroite, que o concello mercou, rehabilitou e adxudicou en concurso público, descoñecendo as restricións que a base militar veciña impoñía. Véndose obrigada, deste xeito, a empresa adxudicataria a renunciar á mesma; e todo cun custe global para o concello lindeiro cos 300.000 euros.

Aula da natureza, observatorio, creación de emprego...

- O descubrimento dun desfalco nas arcas municipais de preto de 400.000 euros, sen que ninguén o advertise, aínda que a suma total roubada equivale a case un 15% do orzamento municipal anual.

Só dous meses despois da dimisión do alcalde

- O récord de débeda viva municipal, alcanzado a finais de 2011 e que totalizaba naquel momento 831.000 euros (case 230 euros por habitante).

- O Plan de Pago a Provedores, que se viu na obriga de subscribir co goberno central, tamén en 2011, por un importe de 300.000 euros; as malditas “facturas nos caixóns” en terminoloxía tan do gosto do PP.

Débeda viva e débeda a proveedores

Neste contexto, e tendo obtido nas pasadas eleccións municipais de 2011 unha maioría absolutísima con case o 70% dos votos, Santiago Freire decide dimitir e abandonar a alcaldía cando aínda non se levaba consumido nin un terzo do mandato. Calquera persoa razoable podería pensar que as razóns para traizoar a confianza que tan maioritariamente lle outorgaran os veciños, e deixar o concello nunha situación económica tan lamentable, terían que ser poderosas. Tamén cabería pensar que o posto que o agardaba tería que ser dunha enorme responsabilidade e importancia; pero nada disto é certo.

Unha vez abandonada a alcaldía, Santiago Freire concorre as eleccións galegas de 2012 como número 8 pola provincia da Coruña, obtendo un escano de deputado na presente lexislatura. Analizando as iniciativas que asina, adiviñamos o traballo gris dun deputado do montón ao servizo dunha maioría parlamentaría absoluta e esmagadora.

En máis de 2 anos de actividade parlamentaria e no tocante a Noia, só co-presenta 5 iniciativas, 3 delas relativas á variante e 2 ás obras do Coliseo Noela; sempre coa única finalidade de propiciar o lucimento do Conselleiro en cuestión. Non hai iniciativas sobre Lousame, nin sobre ningún outro concello do Barbanza. Velaí a responsabilidade do xestor; velaí o seu compromiso cos votantes.

Cal era entón o motivo que o impulsou a deixar a alcaldía dun xeito tan inesperado? Os motivos últimos só os coñecen no seo do PP provincial, pero a finalidade está á vista de todos: concorrer ás eleccións municipais na nosa vila dacabalo dunha inmerecida fama de xestor e cunha axenda repleta de contactos, como el mesmo se encarga de lembrar á menor oportunidade. Tamén está á vista de todo o mundo o feito de que non abandonou o seu escano parlamentario; sempre está ben deixar aberto un plan de fuxida por se veñen mal dadas.

O BNG quere poñer en coñecemento dos noieses e noiesas todos estes feitos, para que os lembren aquelas persoas que os viviron e os coñezan aquelas que os ignoraban. Cremos que é necesario dispor de toda a información, e non só a interesada, para así poder valorar na súa xusta medida as propostas que se nos presentan.