O Partido Popular pon as institucións ao servizo da súa campaña electoral
Máis do 60% das obras recollidas no programa do PP noiés son actuacións sobre estradas de titularidade autonómica ou provincial.
O BNG de Noia quere denunciar a utilización partidista que fan os populares das institucións que controlan, nun intento por adulterar a cita electoral do vindeiro día 24. Na máis rancia tradición do caciquismo, inclúen no seu programa para as municipais, obras que escapan das competencias do concello; aproveitando as súas maiorías absolutas, tanto na deputación coma no parlamento de Galiza, para darlle credibilidade ás propostas.
Entre o listado de obras recollidas no programa, atópase a construción dunha rotonda de acceso ao lugar da Barquiña desde a C-550. O cruzamento que se quere salvar con esta actuación é un lugar de grande perigosidade, polo que esta obra foi solicitada durante longos anos, tanto polo BNG coma polo goberno municipal noiés, obtendo sempre a negativa por resposta. Tivemos que agardar ata esta cita electoral, para que a Xunta acceda á súa construción. Ou iso nos queren facer crer.
Esta forma de actuar ven sendo repetida con escrupulosa puntualidade electoral durante os últimos anos. Un exemplo é o paso elevado de Orro que, estando inicialmente previsto na obra da variante, cae despois por innecesario e, sorprendentemente, volve a aparecer co gallo da última cita electoral europea.
Outro exemplo, tamén na mesma obra, é a iluminación do viaduto. A administración autonómica é capaz de poñer en funcionamento unha estrada que discorre durante case 2 quilómetros sobre o mar e cun paseo peonil sen protección, e non dotala de ningún tipo de iluminación. Porén, transcorrido máis dun ano desde a súa inauguración e nas vésperas da presente campaña electoral, aquí temos, cunha puntualidade digna de mellor empeño, o anuncio da instalación do alumeado
A finalidade última deste comportamento é a invocación ao voto útil, sen importar o menoscabo que sofre a credibilidade das institucións no proceso. De feito, os populares noieses chegan a explicitar no seu programa a natureza non municipal das obras, nun intento por reforzar o argumento dos gobernos amigos. Desde o BNG pensamos que se a Xunta ou a Deputación consideran que esas ou outras obras son necesarias para o pobo de Noia, DEBEN executalas no mesmo intre en que se detecte esa necesidade, sen agardar ao momento no que lle poidan sacar máis rendemento electoral.
As persoas que formamos parte do Bloque Nacionalista Galego aspiramos a unha administración que se guíe na súa actuación por criterios racionais e obxectivos, e que desbote toda esta sorte de espurios cálculos electorais. Toda actuación que se aparte destes principios non é máis que corrupción política.