A iluminación do viaduto. Máis carnada do PP para o carrexo de votos.
O Partido Popular non cambia de táctica, é fiel ás suas artimañas preelectorais. Nestas datas todo son promesas: limpeza da lama que inunda o esteiro da ria, recheos para paseos marítimos, dragado de canais vetados para a navegación de embarcacións que non sexan chalanas, praias artificiais idílicas, pontes innecesarias e moito formigón; cada vez máis xente sorpréndese menos deste tipo de conduta.
Hai viciños e viciñas que se perguntan por que razón a obra do viaduto se deu por rematada e se abriu ao tráfico sen contar coa necesaria e preceptiva iluminación, para unha maior seguridade. Pergúntanse tamén por que esta ponte leva para un ano en funcionamento e ainda non ten luminarias. Contemplaba o proxecto a iluminación deste tramo de variante? Esquecéuselle aos seus redactores recollelo? Existe premeditación neste acto, acaso para que coincida a realización desta actuación en época de eleccións?
No que ten a ver coa obra desta variante, temos que lembrarlle á Xunta do goberno do PP que as rotondas de Orro, Taramancos e Testal, a día de hoxe, ainda non contan tampouco coa necesaria iluminación.
Canto á iluminación ainda podemos seguir: cando pensa a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, iluminar a ponte de Ceilán que é da sua competencia? Semella que a escusa é que os concellos de Outes e Noia non se poñen de acordo para o pago da factura da luz. Así as cousas, quen pagará a factura da luz da futura iluminación do viaduto? Se seguimos esa lóxica, neste caso tería que ser o concello de Noia por atoparse a obra no seu territorio; non?
Isto é o que nos traen ás portas de maio. A ver o que nos traen para setembro, pois en novembro hai máis unha vez eleccións.