BNGNoia
Novas
comercio local

O BNG de Noia aposta por unha liña de subvencións de material de seguridade para comercio e hostalería locais

O comercio e a hostalería locais van sumar xa dous meses sen actividade e a este parón váiselle sumar a inversión en material de seguridade para poder abrir unha vez pase a situación de peche obrigado. Esta difícil situación faise aínda máis complicada en Galiza onde a Xunta aínda non tomou ningunha medida encamiñada á axuda destes sectores.

A Lei Galega de Subvencións establece no seu artigo 7.4 que "a competencia para conceder subvencións nas entidades locais corresponde aos órganos que a teñan atribuída na súa normativa específica", así coma no 7.1 que "os órganos rétores dos entes, de acordo coas súas leis de creación ou normativa específica dentro do seu ámbito de competencia, serán competentes para conceder subvencións".

En canto ao comercio local 3 son os ámbitos competenciais a través dos cales claramente un Concello como o de Noia podería establecer axudas mediante subvención ao comercio e/ou a hostalaría local. No ámbito da "salubridade pública", na "promoción do uso eficiente das novas tecnoloxías" e/ou nas "feiras comerciais".

Dende o BNG de Noia consideramos, sen desbotar a posibilidade de axudas no futuro noutros ámbitos, que as axudas en materia de salubridade pública fanse máis que necesarias neste momento. Estas axudas non só son de necesidade senón tamén de xustiza no contexto dunha situación desfavorable para estes sectores na que o parón da súa actividade é obrigado e debido a factores externos aos propios afectados.

Establecer esta liña de subvencións tería un efecto moi positivo por dous motivos, en primeiro lugar porque se conseguiría afrouxar a presión económica que tería o feito de ter que afrontar o 100% destas inversións aos pequenos empresarios nun contexto no que sen ingresos deben afrontar custes fixos e en segundo lugar porque o anuncio dun comercio e unha hostalaría noiesa plenamente equipada para retomar a actividade económica en condicións de máxima seguridade podería supoñer un grande pulo na atracción de clientes nos establecementos noieses.

Por todas estas razóns consideramos prioritaria a axuda dende a administracións local a estes sectores, en especial no eido da salubridade pública.

Ler novas