CATASTRO

Sobre a regularización catastral

catastro
catastro
Sobre a regularización catastral

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a través da Dirección Xeral do Catastro puxo en marcha, a finais do ano 2012, un proceso extraordinario de regularización catastral para o período 2013-2016 e que tiña coma finalidade principal a de localizar aqueles inmobles que os seus propietarios, ben particulares ou empresas, non deran de alta ou non actualizaran no Catastro e, polo tanto, non tributaban ou facíano de maneira incompleta.


Deste xeito, e por resolución da Dirección Xeral do Catastro de 27 de xuño de 2015 (BOE número 181 do 30.07.15), o noso Concello foi obxecto  de dita regularización, sendo nos últimos días do mes de agosto que as comunicacións a particulares e empresas están a chegar ao seu destino o que provoca non poucas dúbidas de interpretación ou de certeza, respecto do contido das mesmas en relación á realidade física das propiedades inspeccionadas.


A este Grupo Municipal achegáronse unha serie de veciños e veciñas que as súas propiedades foron obxecto de dita actuación, dicindo que se tiñan presentado no Concello a fin de que lle explicasen o contido e alcance das mesmas, obtendo da institución municipal unha contestación a todas luces inadecuada: "o Concello só se encarga do cobro dos recibos, o resto correspóndelle ao Catastro".

 
Coma a contestación non nos parece que se corresponda cos tempos que estamos a vivir, nin coa atención que unha administración local moderna, deba dispensar á veciñanza, e polo que SOLICITAMOS a creación dunha unidade administrativa municipal específica e de duración temporal, que atenda a todos veciños que as súas propiedades foran obxecto deste proceso extraordinario de regularización catastral, de tal maneira que se lle informe do alcance da mesma e si fose necesario confeccione os recursos ante as resolucións emitidas pola Dirección Xeral do Catastro.