POR UNHA DOP PARA O BERBERECHO DA RÍA
Traballando co sector marisqueiro
No será do venres tivo lugar en Noia unha xuntanza convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Muros-Noia (Plademar) e representantes do BNG, entre os que se atopaban o exparlamentario e responsable de Pesca do BNG, Daniel Rodas, e a voceira de dita formación no Concello de Noia, Irati García, con motivo da preocupación que están a suscitar no sector marisqueiro os baixos prezos do berberecho durante esta campaña e o sistema de poxa, alén doutras preocupacións como os peches por presenza de toxina e a contaminación das augas da ría de Muros-Noia que ameaza os bancos marisqueiros. As conclusións da xuntanza, na que estiveron presentes arredor dun centenar de mariscadores e mariscadoras, foron que é preciso chamar a atención das distintas administracións para esixir que o berberecho da ría de Muros-Noia, recoñecido como un bivalvo de calidade diferencia, poida contar cunha Denominación de Orixe Protexida o que favorecería a valorización comercial deste produto e a trazabilidade da orixe no etiquetado, o que ademáis evitaría a introducción de berberechos doutras zonas no mercado e tamén no cultivo, que poidan afectar a esta especie autóctona e con características únicas e garantir a sustentabilidade deste bivalvo.
A este respecto, Irati García anunciou que esta cuestión foi trasladada pola representante do BNG en Europa, Ana Miranda, á Comisión Europea, logo de ter mantido unha xuntanza coa directiva de Plademar en días pasados. O cultivo e comercialización do berberecho é unha importante fonte de recursos para mariscadores e sector económico en xeral desta área, pero está moi afectada pola baixada de prezos na presente campaña, por iso é moi importante a aceptación da Denominación de Orixe Protexida do Berberecho desta zona, para garantir a trazabilidade e a diferencia deste producto e favorecer seu rendimento económico e protección medio ambiental.
O vicepresidente de Plademar, Pablo Silva, anunciou que serán solicitadas sendas xuntanzas coa Confraría de Noia e a Consellería do Mar, para darlles traslado destas peticións, dado que o sector está a sufrir unha situación insostible no tempo.
Dende o BNG trasladaremos propostas neste sentido perante as administracións correspondentes, propostas ás que agardamos se sumen diferentes colectivos, entidades e forzas políticas para que os traballadores e traballadoras da nosa ría vexan dignificado o seu traballo e o berberecho de Noia sexa recoñecido baixo unha Denominación de Orixe Protexida propia.