QUEREMOS QUE O CONCELLO DE NOIA SE OPOÑA Á VERTEDURA

1 millón de m3 de augas residuais directos cara a nosa ría

Mapa-San-Fins
Fonte: Adega
1 millón de m3 de augas residuais directos cara a nosa ría

No Boletín Oficial da Provincia de A Coruña número 200, do 21 de outubro do presente ano, aparece publicado anuncio do organismo Augas de Galiza, Servizo Territorial da Zona Galiza Centro, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, polo que se somete a información pública a solicitude da Empresa TUNGSTEN SAN FINX, S.L. de autorización para a vertedura ao río Pesqueira ou rego de Rabaceiros (cunca da ría de Muros e Noia) dun caudal máximo anual de 1.159.552 m3/ano de augas residuais industriais depuradas procedentes dunha explotación mineira de estaño e wolframio localizada no lugar das Minas de San Fins – Vilacova, Concello de Lousame (clave: DH.V15.54967).

Segundo afirma a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), “malia que a empresa insiste en que as augas residuais que pretende verter cumprirán cos límites legais de contaminantes, as analíticas que manexa Augas de Galiza (e que figuran na documentación do proxecto) din o contrario: mesmo un 1,5 km augas abaixo da mina os niveis de cadmio, cobre e cinc disolvidos sobardan os límites máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental (NCA) do RD 817/2015”. Todo isto, segundo a asociación ecoloxista, “denantes de que a mina funcione a pleno rendemento”.

O día 19 de maio do presente ano, militantes do BNG acompañamos a membros de ADEGA até as Minas de San Fins coa intención de participar na toma de mostras das augas alí existentes, facéndoo en tres puntos distintos: na boca da mina, na balsa de lamas e augas abaixo do muro da citada balsa, sendo analizados logo polo Laboratorio de Enxenaría Química da Universidade de A Coruña.

Para ADEGA, “os resultados son consistentes cos obtidos polas analíticas en poder de Augas de Galiza e amosan niveis de cadmio (substancia perigosa e prioritaria); cobre (substancia preferente) e cinc (substancia preferente), que mesmo chegan a multiplicar por 8 (caso do cinc) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD/817/2015)”.
O esteiro da Ría de Muros e Noia alberga os máis grandes bancos naturais de cría e produción de moluscos do noso país, nomeadamente berberecho e ameixa e da súa extracción e comercialización viven cada tempada, un grande número de veciños e veciñas da nosa comarca (nos últimos anos preto de 1.600 mariscadores e mariscadoras traballan nas concesións xestionadas pola Confraría de Pescadores de Noia), manifestándose, ao noso ver, incompatible cunha actividade industrial que non se esforza por dotar ás súas instalacións de verdadeiros sistemas de depuración dos seus vertidos, consistindo os mesmos unicamente nun simple proceso de decantación.

Polo exposto, este Grupo Municipal propón ao Pleno do Concello de Noia, a adopción do seguinte

ACORDO

O Concello de Noia oponse á autorización do vertido de 1.159.552 m3/ano de augas residuais industrias ao río Pesqueira ou rego de Rabaceiros (cunca da Ría de Muros e Noia), solicitada pola Empresa TUNGSTEN SAN FINX, S.L. ao organismo Augas de Galiza; persoándose no expediente de referencia (clave: DH.V15.54967) e formulando cantas alegacións sexan necesarias a fin de evitar a autorización en cuestión. 

1 millón de m3 de augas residuais directos cara a nosa ría