Moción para declarar o Concello de Noia Vila libre de circos con animais
O Bloque Nacionalista Galego vén presentando dende hai un tempo propostas en distintos concellos en relación á protección dos animais, nomeadamente a eliminación das touradas e a declaración de vilas libres de espectáculos circenses con animais.
A cuestión do respecto cara aos animais levou á cidadanía a demandar novas accións en diferentes eidos normativos. O uso de animais en espectáculos constitúe un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre.
A veciñanza noiesa non é allea a este sentir xeralizado, e dela parte esta proposta de declaración do Concello de Noia vila libre de circos con animais que o BNG, como forza política sensibilizada cos dereitos animais, levou para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do mes de marzo.
A este respecto cabe lembrar que o BNG noiés xa ten promovido iniciativas en defensa dos dereitos animais. Así, no clausulado do pacto de goberno asinado en 2007 co PSOE estableceuse como un dos puntos do acordo a non subvención económica, nin por calquera outra vía, das corridas de touros, o que no 2008 se materializou coa supresión das mesmas.
Defendida a moción en pleno, esta obtivo o apoio incondicional tanto do PSdG-PSOE coma da Marea Cidadá. O GPM do NO.I.A. abstívose porque, segundo o seu voceiro, "dentro do partido hai xente á que lle gustan os circos e xente á que non.
Mención aparte merece a posición do PP, que votou en contra. Defendeu a postura Julio Bustelo, quen xustificou o voto negativo baseándose en dous argumentos fundamentais: por unha banda a existencia de lexislación europea e estatal suficiente para garantir a protección contra o maltrato animal; e, por outra, a necesidade de preservar os intereses do sector do circo.
Quixo a casualidade que na mañá do pasado xoves, o mesmo día de celebración do pleno que rexeitou a nosa moción, o Consello da Xunta aprobara o anteproxecto de Lei galega de protección e benestar dos animais de compañía. No articulado do anteproxecto, o lexislador, obviando os clarividentes argumentos do voceiro do PP noiés, inclúe, no seu artigo 9, cando enumera as prohibicións xenéricas, o "Emprego e tenza de animais silvestres en circos".
Aínda que dun xeito que non agardabamos, podemos dicir que o obxectivo último da nosa moción foi acadado.