Pleno ordinario de abril
O vindeiro luns día 25 terá lugar o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. Aínda que correspondería celebralo ao día seguinte, este mes acordouse adiantalo un día por coincidir co festivo local.
A seguir presentamos as dúas mocións que rexistramos para o seu debate e as preguntas por escrito que formularemos:
MOCIÓN PARA A CONSERVACIÓN DOS RESTOS DA ANTIGA CAPELA DE SAN MARCOS
Aproveitando as datas nas que se vai celebrar o pleno, pareceunos interesante levar este tema para o seu debate en pleno. A moción pide que se tomen medidas para consolidar os restos que se atopan nun monte da parroquia de Santa Cristina de Barro, preto de Augalevada.
Tamén solicitamos que se sinalicen, divulguen e poñan en valor, porque somos conscientes de que moita da nosa veciñanza descoñece a súa existencia e son unha parte moi importante da historia da nosa vila.
Podes descargar o texto completo da moción sobre a capela de San Marcos aquí.
MOCIÓN PARA A INCORPORACIÓN DE NOIA AO PROXECTO APEGO
O proxecto Apego nace a iniciativa da Coordenadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e vai dirixido a familias con crianzas de ata 6 anos. A finalidade é dotar a pais e nais de ferramentas e recursos para que poidan criar aos seus fillos e fillas na nosa lingua.
O proxecto desenvólvese a través dos servizos de normalización linguística de cada concello, por iso na moción insistimos na necesidade de que Noia conte con ese servizo canto antes.
Podes descargar o texto completo da moción sobre o proxecto Apego aquí.
PREGUNTAS POR ESCRITO
Para este pleno presentamos preguntas sobre os seguintes temas, que cremos de interese xeral:
- Adquisición da Casa da Cultura
- Conservación e mantemento das instalacións do Clube do Mar
- Ampliación das instalacións do Museo do Mar de Noia
- Contratación das orquestas para as festas de San Marcos
- Dedicacións exclusivas
- Prevención da violencia machista
- Construción de vivenda de promoción pública
- Compromisos acadados despois da visita da Conselleira de Medio Ambiente
- Saneamento no lugar de Meruso
Podes descargar o texto completo das preguntas aquí.