Preguntas para o pleno ordinario de decembro

Os bolardos antes da súa retirada
Preguntas para o pleno ordinario de decembro

O pleno ordinario de decembro celebrouse entre os días 3 (suspendido a medianoite por mor do inicio da campaña electoral) e 17. Estas son as preguntas que presentamos:

PRIMEIRA:

Nos últimos meses do pasado mandato municipal executáronse, no ámbito do Casco Histórico da Vila, importantes obras de reurbanización de rúas e espazos públicos, todo coa perspectiva inmediata de ordenar de xeito definitivo o tránsito rodado pola denominada zona intramuros.

As zonas que foron obxecto destas melloras son, entre outras, a conversión da rúa do Curro en praza, a reurbanización da parte interior do Malecón de Gasset (aínda inconclusa), a reforma completa da rúa Xan de Estivadas e a mellora de pavimentos na Praza do Tapal.

Quero centrarme, señor Alcalde, nesta pregunta, na intervención levada a cabo na rúa Xan de Estivadas xa que a mesma veu resolver o estado lamentable no que se atopaba logo da errada reurbanización realizada, con cargo a fondos europeos, durante o mandato municipal 2003-2007. A obra en cuestión non só se limitou ao ámbito estrito da mencionada rúa, senón que tamén chegou ao primeiro tramo da Praza do Tapal.

Non hai que lembrarlle, imaxino, que a primeiros da década dos anos oitenta do pasado século, os domingos e festivos a citada praza convertíase dun aparcadoiro masivo de vehículos, ata que unha acción decidida do goberno local daquel entón estableceu a súa protección mediante a colocación duns bolardos, ben integrados na escena urbana da contorna, que limitaron durante moitos anos o acceso de vehículos ao interior da mesma.

Os bolardos antes da súa retirada

Coñezo o debate que o redactor do proxecto técnico da reurbanización da rúa Xan de Estivadas, e á súa vez director das obras, tivo a respecto de manter ou non os bolardos que impediran o acceso de vehículos ao interior da praza, pensando xa na inminente regulación do transito rodado en toda a contorna. Ao final decidiu a instalación duns máis funcionais que os existentes antes do inicio da reforma, de tal xeito que a súa manipulación (quitalos e volvelos a colocar en caso de necesidade) fora sinxela.

Ao inicio das festas patronais de Agosto procedeuse á retirada dos bolardos, sendo o día de hoxe que aínda non se recolocaron, o que está a provocar o acceso indiscriminado de automóbiles ao interior da praza, así como a utilización da entrada da mesma para a viraxe de vehículos, algúns deles, de tonelaxe excesiva para a zona da que se trata, ao non poder realizar tal manobra na ateigada praza da Constitución.

Preguntámoslle:

Señor Alcalde, cando pensan proceder á recolocación dos bolardos que impidan o acceso do tránsito rodado ao interior da praza do Tapal?

---

SEGUNDA:

Señor Alcalde, este Grupo Municipal vén de solicitar mediante a presentación da correspondente solicitude no rexistro de entrada deste Concello o pasado día 26 de novembro, e ante os danos causados polas inundacións sufridas nos campamentos de refuxiados saharauís situados na rexión de Tinduf, en Alxeria, axuda económica que palíe, no posible, os danos causados polas intensas chuvias.

Os datos que destacan desta catástrofe son as máis de 4.400 vivendas destruídas, así coma unha infinidade de estradas e vías de comunicación afectadas.

Lembrámoslle que este Concello participa de xeito activo, desde hai anos, nas distintas campañas internacionais de solidariedade co pobo saharauí (desde o irmandamento co concello de Macbe nos anos noventa, ata a participación anual no programa denominado “Vacacións en Paz”).

Pregúntolle:

Atendeu ou vai atender a petición de axuda ao pobo saharauí efectuada polo noso Grupo Municipal o pasado mes de Novembro?

---

TERCEIRA:

No Pleno extraordinario celebrado o 16 de maio do ano 2014, por unanimidade dos asistentes á sesión, aprobouse o “Plan DTC 93, unha Deputación para todos os Concellos”, e entre as intervencións previstas no mesmo estaba a denominada “Melloras do Parque Infantil de Labarta”, por importe de 40.440,00 euros, procedentes na súa totalidade da achega provincial. A actuación consistía no básico, na ampliación da zona de xogos, o cambio do pavimento, así como a adecuación ás normas de seguridade, hoxe en vigor, de todo o espazo de lecer.

Do mesmo xeito os Orzamentos Municipais do ano 2015, aprobados na sesión extraordinaria do 17 de marzo do ano que andamos incluía, no seu apartado de investimentos, a obra chamada “As cúpulas. Construción de cuberta desmontable para o Parque Infantil de Labarta”. A intervención prevista acadaba un orzamento total de 120.000,00euros, financiados ao cento por cento con fondos propios.

Pregúntolle:

Cando pensa o Goberno Local proceder á contratación das intervencións previstas no Parque Infantil sito na Praza dos Irmáns Labarta?

---

CUARTA:

Señor Concelleiro de Patrimonio, tamén, incluído no anexo de investimentos do Orzamento do presenta ano, aparece a obra denominada “Mellora da contorna da Igrexa de Santa María de Roo”, por un importe de 125.796,84 euros. Dito financiamento vén dun convenio asinado para tal fin coa Deputación de A Coruña. Esta intervención estaba incluída no apartado de Patrimonio, a fin de seguir pola senda iniciada no seu día coa mellora da contorna da igrexa de Santa María de Argalo, coa executada tamén, da de San Pedro de Boa, e tendo coma horizonte en próximos exercicios económicos incluír as contornas das igrexas de Santa Mariña do Obre e Santa Cristina de Barro.

Pregúntolle:

Cando se vai a contratar a obra denominada “Mellora da contorna da igrexa de Santa María de Roo”, incluída nos Orzamentos do presente ano 2015, pola contía de 125.796,84 euros?

Preguntas para o pleno ordinario de decembro