Preguntas para o pleno ordinario de novembro
A seguir van as cinco preguntas que formularemos no pleno ordinario de novembro:
PRIMEIRA PREGUNTA
Señor Alcalde, quen subscribe formulou, no Pleno ordinario do mes de agosto do presente ano, un rogo para que vostede fixese cantas xestións foran necesarias a fin de continuar coas negociacións coa empresa MONBUS, adxudicataria do servizo de transporte de viaxeiros por estrada entre Noia e Santiago de Compostela, para avanzar na concreción do establecemento de viaxes rápidas (utilizando o corredor Noia-Brión e a autovía Brión-Santiago de Compostela, e viceversa) tal coma se tiña acordado, a instancias do Grupo Municipal do BNG, na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada o 10 de decembro do pasado ano 2014.
Pregúntolle:
Atendeu o rogo efectuado no Pleno ordinario do mes de agosto e si é así, cal é o resultado da xestión realizada?
SEGUNDA PREGUNTA
Nas postrimerías do pasado mandato municipal, o Goberno Local de entón, atendendo unha demanda da comunidade veciñal de Santa María de Roo, encetou as xestións necesarias para dotar á parroquia dun aparcadoiro público nas inmediacións do cemiterio parroquial. Coma queira que os terreos sobre os que se pretendía situar tal dotación pública son propiedade da Igrexa Católica fixéronse xestións ante o Arcebispado de Santiago de Compostela a fin de chegar a un acordo de cesión do ámbito en cuestión. A contestación do Arcebispado foi positiva mostrando a súa disposición a asinar un documento público que perfeccionase o solicitado, por un período temporal a favor do Concello de Noia. Así as cousas, encargouse o correspondente proxecto técnico que acadou un orzamento de 36.000,00 euros.
A conclusión do mandato municipal impediu que os trámites pendentes se puideran concretar (asinamento da cesión, creación da dotación orzamentaria precisa e finalmente adxudicación dos traballos a realizar).
Señor Alcalde, sabemos que a comisión veciñal impulsora de tal demanda estivo reunida con vostede a fin de coñecer o estado de tramitación do expediente, e ao mesmo tempo saber da súa posición e a do Goberno que preside respecto da mesma; apreciando pouco receptividade en relación ao asunto que nos ocupa.
Pregúntolle:
Vai o Goberno Local de Noia atender a demanda da comunidade veciñal de Santa María de Roo, e proceder á construción do aparcadoiro público nas inmediacións do cemiterio parroquial da Igrexa-Roo?
TERCEIRA PREGUNTA
No Pleno extraordinario celebrado o 21 de maio deste ano, e por unanimidade dos asistentes á sesión, aprobouse o contido do expediente de crédito extraordinario 4/2015 que tiña por obxecto o de dotar crédito para a compra do inmoble número 6 da rúa Corredoira de Luis Cadarso Rey, inmoble que, desde o ano 1991, ocupa a Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos.
A dotación orzamentaria correspóndense a unha primeira anualidade (70.000,00 euros), ficando comprometidas dúas anualidades máis (2016 e 2017, con 250.000,00 euros en cada un dos anos).
Sábido é que a compra do citado inmoble era un obxectivo estratéxico compartido por todos os grupos políticos que conformaban a Corporación Municipal no pasado mandato, e queremos pensar que tamén comparten hoxe ese mesmo obxectivo, a totalidade dos grupos políticos do actual Pleno Municipal. Obxectivo que busca solucionar de xeito definitivo a ampliación do Museo de Laudas Gremiais de Santa María A Nova, e a posta a bo recado das laudas que se atopan á intemperie no exterior do recinto funerario.
Pregúntolle:
Sr. Alcalde, pode dicirnos en que fase de tramitación se atopa o expediente de compra, á Fundación Romero Blanco Monroy, do inmoble da Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, por parte do Concello de Noia, e si, se asinou xa, a correspondente escritura de compra-venta?
CUARTA PREGUNTA
O Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela vén de declarar a improcedencia dos despedimentos de dous traballadores municipais que ata a data prestaban os seus servizos no que no seu día foi o GRUMIR e posteriormente no Grupo de Emerxencias Municipal. Pendentes de xuízo, atópanse aínda, os seis traballadores e traballadoras restantes.
O fallo condena ao Concello de Noia á readmisión inmediata dos traballadores en cuestión, ou a que no seu defecto proceda ao despedimento co abono da correspondente indemnización. A resolución xudicial tamén contempla a posibilidade de interposición dun RECURSO DE SUPLICACIÓN, outorgando para o mesmo un prazo de cinco días.
O Concello de Noia non ten exercitado o dereito de formulación do citado RECURSO DE SUPLICACIÓN nin optado por ningunha das opcións establecidas por sentenza, entendéndose polo tanto, porque así o dicta a propia sentenza xudicial, que ao non terse exercitado ninguna das opcións enténdese que se opta pola readmisión do traballador.
A día de hoxe os traballadores non se puideron reincorporar aos seus postos de traballo, nin cobraron indemnización algunha. É dicir, que a sentenza non foi executada, obrigando aos dous traballadores a instar a execución do fallo xudicial promovendo incidente de non readmisión.
Preguntámoslle:
Sr. Concelleiro-Delegado de Persoal e Réxime Interior, pode dicirnos por qué motivo os dous traballadores que contan con sentenza firme e favorable aos seus intereses aínda non foron readmitidos nin percibiron indemnización algunha?
Que vai a facer a institución municipal se as demandas xudiciais formuladas polos seis traballadores restantes acaban dándolle a razón aos mesmos e as sentenzas son idénticas ás coñecidas ao día de hoxe?
Pensa o Goberno Local que a estrutura do cadro de persoal dun Concello como o de Noia, debe volver ao que era antes do inicio do actual período de democracia municipal, é dicir, a abril do ano 1979, ou pola contra o noso Concello é merecente de contar cun Grupo de Emerxencias Municipal propio?
QUINTA PREGUNTA
O xoves 15 de outubro prodúxose o despedimento dunha das dúas traballadoras sociais dos servizos comunitarios de base e emerxencias sociais deste Concello por entenderse que a causa do seu contrato se extinguira, a cal era a de cubrir unha baixa por incapacidade temporal. O mércores 28, 13 días despois, foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases que rexerán a convocatoria e o procedemento de selección en réxime de dereito laboral temporal dun posto de traballador-a social/asistente social para os servizos sociais comunitarios de base e servizo de emerxencias sociais do noso Concello. Tampouco hai que esquecer que o persoal administrativo de dito servizo tamén se atopa en situación de baixa por incapacidade temporal. Á vista de todo o exposto,
Pregúntolle:
Que medidas foron adoitadas para afrontar a situación de precariedade na que quedou o servizo até que se incorpore a persoa que supere o proceso de selección?
Poden garantir que as medidas tomadas até o momento non afectan ao bo funcionamento do servizo nin están a redundar de xeito negativo nos usuarios do mesmo?