axudas
Novas BNG
BJ16C7F3_21395

Moción sobre axudas ao deporte

O BNG de Noia presentará unha moción no próximo pleno deste mes de xaneiro de 2019 para a concesión de axudas a deportistas. Reproducimos, a seguir, o seu contido:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O concello de Noia ten entre a súa poboación un importante número de practicantes de distintos deportes, tanto na categoría base coma na absoluta, que realizan a súa actividade a través dos clubes deportivos, que, por outra parte, contan con apoio económico tanto por parte do Concello coma por parte doutras administracións públicas. Mais é reiterada no tempo a reclamación de axudas específicas de carácter individualizado destinadas á asistencia a campionatos nacionais e internacionais, dados os custes de transporte, aloxamento e manutención que, nalgúns casos, poden constituir un impedimento para a participación en ditos campeonatos e, por extensión, un perxuízo para a carreira deportiva da persoa afectada. Son moitos os Concellos, coma o de Moaña, que tomamos de exemplo para este suposto, que apoian a través de axudas directas e individualizadas ás deportistas que representan ao deporte da localidade e á localidade en si mesma, tanto a nivel estatal, europeo coma mundial. O Concello de Noia, como administración pública que debe procurar todo o apoio posible para o deporte local, debe sumarse a este tipo de iniciativas. 
Por isto, facemos ao Pleno a proposta da toma do seguinte

ACORDO:

Adquírese o compromiso de facer as xestións precisas para que a concesión de axudas a persoas deportistas do Concello de Noia que sexan seleccionadas para participar en eventos deportivos de carácter oficial poida facerse efectiva na presente anualidade de 2019, a través da aprobación da correspondente ordenanza,  co obxecto de destinar ditas axudas á cobertura de aqueles gastos de desprazamento, aloxamento e manutención das persoas deportistas que non estean cubertos na súa totalidade pola correspondente federación ou clube. 

Ler novas