O BNG ENTENDE QUE A ACTIVIDADE MINEIRA PODE E DEBE SER COMPATIBLE COA MARISQUEIRA, SEMPRE QUE O BALEIRADO DA AUGA DAS GALERÍAS SE REALICE NAS CONDICIÓNS AXEITADAS

Ao respecto dos resultados das analíticas feitas por Augas de Galiza na contorna das minas de San Fins

Irati García e Amador Turnes con Ana Miranda e Mini Rivas
Irati García e Amador Turnes con Ana Miranda e Mini Rivas

Desde o BNG non podemos mais que insistir na preocupación que nos suscitan os resultados arroxados polas analíticas realizadas tanto por ADEGA como Augas de Galiza, entidade esta última que ten que resolver a solicitude da vertedura anual dun millón de metros cúbicos de augas procedentes das galerías da mina realizada pola empresa que explota actualmente a mesma, concesión á que o BNG se opón rotundamente.

Ao respecto dos resultados das analíticas feitas por Augas de Galiza na contorna das minas de San Fins

Logo da resposta dada por Augas de Galiza á denuncia realizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) o pasado mes de xaneiro por unas verteduras no dominio hidráulico público provintes da mina de San Fins, na que se ratifican os malos resultados das analíticas das augas que dita entidade ecoloxista tiña realizado e publicado en meses anteriores, polos cales se concluira que “os níveis de metais tóxicos como o Cd (cadmio, substancia perigosa e prioritaria); Cu (cobre, substancia preferente) e Zn (cinc, substancia preferente), mesmo chegaban a multiplicar por 28 (caso do Cd), por 8,4 (Zn) e por 7 (Cu) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD 917/2015)” , os voceiros do BNG de Lousame e Noia, Amador Turnes e Irati García respectivamente, visitaron a contorna da mina en compaña da nosa representante en Europa, Ana Miranda, e o noso compañeiro no parlamento galego, Xosé Luís Rivas “Mini”. Desde o BNG non podemos mais que insistir na preocupación que nos suscitan os resultados arroxados polas analíticas realizadas tanto por ADEGA como Augas de Galiza, entidade esta última que ten que resolver a solicitude da vertedura anual dun millón de metros cúbicos de augas procedentes das galerías da mina realizada pola empresa que explota actualmente a mesma, concesión á que o BNG se opón rotundamente.


O pasado mes de novembro de 2016 o BNG presentou unha pregunta ante a Comisión Europea, á cal se nos respostou que a Comisión está a avaliar a cuestión, para a cal precisan maior información. Así, nos vindeiros días a través da nosa representante na UE, Ana Miranda, daremos traslado dos resultados das analíticas realizadas por Augas de Galiza co fin de que desde instancias europeas se tomen as medidas precisas ante este problema. Asimesmo, desde o parlamento galego, o noso compañeiro e deputado Mini Rivas, instirá en que sexa aclarada a titularidade da balsa de lodos tóxicos que se atopa nas inmediacións da mina de San Fins, cuestión xa levada á comisión de medio ambiente polo BNG, á que o propio responsable de Augas non soubo dar resposta.


Ante este cúmulo de despropósitos, xunto coa ausencia dun estudo de impacto ambiental, desde o BNG ratificamos a nosa postura contraria á solicitude realizada por Tungsten San Finx S.L. para a vertedura dun millón de metros cúbicos de auga procedentes das galerías da mina, que consideramos poderían poñer en perigo non só o equilibrio ecolóxico da ría de Muros-Noia e por ende a actividade marisqueira e os postos de traballo vinculados á mesma, senón tamén a saúde humana. Alén disto, queremos destacar que o BNG non está en contra da actividade mineira, como se pretendeu facer entender por parte doutras formacións manipulando o contido das nosas denuncias, senón que entendemos que a actividade mineira e a marisqueira poden ser compatibles, sempre e cando o baleirado da auga das galerías da mina se realice nas debidas condicións e cunhas mínimas garantías. O problema de fondo é que a actual proposta e solicitude da vertedura de aguas contaminadas realizada pola actual empresa explotadora da mina establece unhas medidas que entendemos de plano insuficientes para garantir que se produza o menor impacto posible tanto no medio ambiente como na saúde humana.


Por outra banda, denunciamos a desidia e inactividade dos gobernos municipais de Lousame e Noia, ambos os dous gobernados polo Partido Popular, ante este problema, incumplindo este último o compromiso adoptado por unanimidade no pleno de mes de novembro de 2016 a proposta do BNG para persoarse no expediente de solicitude de vertedura das augas contaminadas procedentes da mina e presentar as alegacións oportunas, xa que a data de hoxe non nos consta ningunha actuación realizada polo goberno noiés neste senso. Asimesmo, lembramos que o BNG de Lousame se ten dirixido ao Valedor do Pobo por terse rexeitado a solicitude conxunta de BNG e Terras de Lousame para a celebración dun pleno extraordinario sobre esta cuestión, solicitude que se fixera a raís da reiterada omisión das mocións presentadas ao respecto na orde do día dos plenos e o impedimento para o seu tratamento pola vía de urxencia.