O NOVO CENTRO DE SAÚDE E A NECESIDADE DA APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

Sobre o anuncio dun novo Centro de Saúde

cs_noia
Centro de Saúde
Sobre o anuncio dun novo Centro de Saúde

Hai días os medios de comunicación falaban sobre a posibilidade da construción nun novo Centro de Saúde, ante o evidente estado de antigüidade do inmoble que acolle o actual. Segundo a información periodística, o Goberno Local en conversas coa Xunta de Galiza manexa distintas alternativas. A saber: renovación do actual, a construción nun novo sobre unha parcela de propiedade municipal situado no ámbito da Unidade de Actuación número 3 de San Lázaro, e por último, unha referencia á previsión que o futuro PXOM, en tramitación, contén en relación ao tema (estanse a referir á reserva de solo prevista para tal fin, tamén no barrio de San Lázaro).  Esta reserva de solo, 2.101 metros cadrados, está loxicamente vinculada á aprobación definitiva do Plan e ao seu posterior desenvolvemento.

Se de verdade a Xunta de Galiza está en disposición de afrontar o investimento para a construción do novo Centro de Saúde, atopámonos nunha encrucillada de difícil solución.  A encrucillada consiste en que o Concello de Noia non ten, a estas alturas, parcela idónea para por a dispor da Administración galega a fin de que a mesma materialice a súa oferta. E non a ten porque o terreo de titularidade municipal hoxe dispoñible (superficie de 600 metros cadrados) non acada os parámetros que a propia Consellería de Sanidade ten establecido para a construción de novos centros sanitarios de atención primaria, para municipios da nosa entidade, e a súa área de influencia.

 E isto obríganos a reflexionar respecto da tardanza na tramitación dos instrumentos de planificación urbanística por parte da administración que ten a competencia do control da legalidade dos mesmos (Xunta de Galiza), e que no caso concreto de Noia, vai para nove anos. Iso, coma agora se pon de manifesto, ten consecuencias negativas. A primeira: nestes momentos non hai parcela acaída para a construción do novo Centro de Saúde.

Sobre o anuncio dun novo Centro de Saúde