O BNG DE MUROS-NOIA DENUNCIA A FALTA DE PERSOAL DA UNIDADE PREVENTIVO-ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS (UPAD)

Denunciamos a falta de persoal na UPAD

rolda_upad
Denunciamos a falta de persoal na UPAD

Dende o BNG de Muros-Noia vémonos na obriga de denunciar a falta de persoal da Unidade Preventivo-Asistencial de Drogopendencias (UPAD) do Concello de Noia, que dende hai uns 5 meses non presta atención psicolóxica ás persoas usuarias de dito servizo, dado á ausencia por baixa da persoa que presta a asistencia psicolóxica, sen ter sido cuberto o citado posto durante todo ese periodo. Esta situación verase agravada coa recente baixa da traballadora social, quedando así o servizo totalmente mermado, quedando reducido na práctica á dispensación de sustancias sustitutivas coma a metadona, por exemplo, tendo en conta que non todas as adiccións poden ser tratadas con sustitutivos.

A UPAD, creada nos anos 90, presta o seu servizo a persoas de concellos de toda a Comarca (Noia, Lousame, Outes, Porto do Son, Muros) e Carnota, co cal, a porcentaxe de poboación afectada é importante.  O traballo de Unidades coma esta, a través da cal se desenvolven programas de atención e protección da saúde, realízase baixo a cobertura de convenios de colaboración entre distintas Consellerías e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Ditos convenios establecen unha serie de obrigas para os Concellos, entre elas a da posta en disposición de medios para a realización dos programas. Actualmente dita obriga non se están a cumprir por parte de Concello de Noia, comprometendo así os fondos que se perciben para o sostenemento do servizo e o servizo en sí mesmo, causando un importante perxuízo ás persoas que precisan tratamento e por extensión ás súas familias e á sociedade.

Na actualidade o tratamento curativo das drogodepencias vai dirixido ás tres esferas nas que participamos as persoas: a biolóxica, a psicolóxica e a social. É dicir, séguese un modelo biopsicosocial, de carácter interdisciplinar, que se centra na desintoxicación, a deshabituación, a rehabilitación e a reinserción. Así, o tratamento psicolóxico dos drogodepentes e o apoio ás familias, que debe ser realizado por psicólogos clínicos especializados na materia, vai enfocado á eliminación, control e modificación das causas que incitan ao consumo ou que manteñen á persoa drogodependente. Dito isto, é inevitable chegar á conclusión de que a prolongada ausencia da actual psicóloga, á que agora se suma a da traballadora social, agrava a xa de por si dramática situación dos drogodependentes por carecer do apoio e tratamento precisos

Por outra banda, temos coñecemento que se veñen producindo derivacións de drogodepentes a outros entes, vinculados á Igrexa con antecendentes de graves incumprimentos en canto a dereitos laborais se refire, e mesmo a entes privados, evitando o paso pola UPAD, que é un servizo de carácter público e mais próximo aos pacientes da zona. 

Non podemos obviar que entre as drogas con maior prevalencia de consumo na poboación a partir dos 15 anos atópase o alcol. Con respecto as drogas ilegais, os datos amosan que o consumo de drogas coma a cocaína concéntrase en grande medida no rango de idades de 15 a 34 anos, o al chama á reflexión sobre a necesidade de incidir na prevención do consumo de drogas e outras condutas adictivas, entre as cales podemos incluir a adicción ao xogo, e aplicando, asimesmo, a perspectiva de xénero.

Por todo o exposto, dende o BNG reclamamos que dende  Concello de Noia se abandone con carácter inmediato a actitude de desidia e se tomen as medidas precisas para paliar a situación de carencia de persoal e de medias da UPAD para que sexa posible garantir ás persoas usuarias de dito servizo e ás súas familias a debida asistencia a todos os niveis.

Denunciamos a falta de persoal na UPAD