Comunicado
O BNG de Noia apoiou a investidura do PSdeG, a única forza que tiña a lexitimidade de liderar unha alternativa diferente de Goberno ao Partido Popular, na sesión plenaria do pasado venres 7 de xullo de 2023.
O BNG de Noia apoiou a investidura do PSdeG, a única forza que tiña a lexitimidade de liderar unha alternativa diferente de Goberno ao Partido Popular, na sesión plenaria do pasado venres 7 de xullo de 2023.
Infelizmente, aos votos do PP uníronse unha vez máis os dos independentes agrupados, provocando que Santiago Freire renovase a Alcaldía coa votación da maioría absoluta dos concelleiros e concelleiras.
Lamentamos profundamente as falacias vertidas contra a nosa organización por parte do PSdeG e da Marea Cidadá de Noia. Queremos deixar claro que en ningún caso, o BNG facilitou un goberno do PP. A proba diso é o resultado da votación do pasado venres, onde os votos do noso grupo recaeron no PSdeG, tal e como defendemos desde o día seguinte ás eleccións municipais e até o momento no que se produciu a votación.
Os independentes agrupados demostraron unha vez máis cal é o seu espazo natural, a dereita. Este grupo tiña na súa man escoller entre a continuación do Goberno anterior ou apoiar un Goberno alternativo e a súa escolla foi seguir da man do PP, un feito totalmente coherente coa historia deste partido.
Entregar a Alcaldía aos independentes agrupados, tal e como se defendeu por parte de varios grupos significaría, ademais dunha burla á cidadanía, ceder a unha chantaxe que sentaría un perigoso precedente para o futuro: cederlle a Alcaldía a Marisol Villar, cuxo grupo obtivo dous edís de 17, os mesmos que o BNG, sería normalizar que calquera forza política puidera retorcer no futuro os resultados democráticos derivados da votación da veciñanza.
Ao contrario que outras forzas municipais, que hai catro anos negábanse a incluír aos independentes agrupados nun Goberno alternativo e agora mostráronse dispostas a regalarlle a Alcaldía a Marisol Villar, o BNG apostou tanto en 2019 como en 2023 por unha mesma opción, por apoiar un Goberno alternativo ao PP liderado polo PSdeG.
Temos a forza da ética e da coherencia, e con ela, o BNG de Noia seguirá exercendo a súa acción política e seguirá medrando no apoio da cidadanía.