A REPRESENTACIÓN DOS TRABALLADORES REXEITA O DOCUMENTO

Posición do BNG diante da RPT

O BNG non apoiará o documento da relación de postos de traballo que irá ao pleno deste martes.

Posición do BNG diante da RPT

O documento da relación de postos de traballo que irá ao pleno deste mes de maio (martes 30, ás 20:30h) é o mesmo documento que xa en maio de 2015 tivera que quedar sobre a mesa, documento que daquela o BNG decidira non apoiar por non vir precedido do apoio unánime da representación dos traballadores.

O PP, que agora ostenta a alcaldía, e que no seu momento estando na bancada da oposición tamén rexeitara a RPT, dous anos despois decidiu levar o mesmo documento ao pleno para a súa aprobación sen terlle dado traslado disto aos actuáis representantes dos traballadores, dándose, por tanto, unha situación anómala e intolerable. 

No día de hoxe, as representacións sindicais de CIG, UXT e CCOO, déronnos traslado do seu rexeitamento ao documento que o grupo de goberno do Concello de Noia pretende aprobar.

Tamén cabe indicar que os grupos da oposición (BNG, Marea e PSdG-PSOE) fixemos solicitude de informe sobre a legalidade de levar ao pleno unha relación de postos de traballo da que quedarían fóra un grupo de traballadores, producíndose ao entender do BNG, un agravio comparativo.

Ante o estado de cousas, o BNG non apoiará a aprobación da relación de postos de traballo no estado no que se presenta ao pleno e instamos ao goberno local a que se poña a traballar desde xa cos representantes sindicais para solventar as eivas de dito documento.