Acto de presentación da candidatura

Un momento do acto
Un momento do acto
Acto de presentación da candidatura

O pasado venres 24 tivo lugar o acto de presentación da nosa candidatura para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. No acto interviron, por esta orde, Bieito González, Adolfo Muíños e Irati García.

Un momento do acto

A continuación, reproducimos o discurso pronunciado pola nosa candidata:

Desde logo, estar hoxe aquí acompañada das persoas que conforman esta candidatura do BNG-AA e de todas e todos vós é un auténtico pracer.

Como sabedes, o día de hoxe marca de xeito simbólico o comezo dunha etapa de traballo intensivo para esta candidatura e a nosa militancia e simpatizantes.

Pero esta é só unha etapa máis no camiño, porque como xa sabedes, no BNG traballamos incansablemente e de xeito continuado para mudar o estado das cousas e poñer a Galiza no lugar que lle corresponde, e que as galegas e os galegos poidamos ter unha vida digna.

Somos unha forza que se preocupa e traballa por e para as persoas, estamos ao seu carón cando sofren as inxustizas que lles está a infrixir este corrupto sistema que tanto se está a cebar cos colectivos que máis indefensos están. Porque detrás deses colectivos, hai persoas que sofren verdadeiros problemas que necesitan dunha rápida resposta.

E mentras outros dende as súas cómodas posicións no Parlamentos votan a favor dos recortes e en contra das persoas vulnerábeis, dos dependentes, das familias en risco de exclusión, dos enfermos de hepatite, dos emigrantes retornados,e un longo etcétera, así como tamén votan a favor da amputación das competencias que os Concellos teñen en materia de servizos sociais precisamente cando máis necesarios son....velaí estamos nós, coa xente na rúa, na protesta e nas mobilizacións, nos distintos parlamentos, dándolle voz aos que non a teñen, petando en todas as portas nas que faga falla para defender os dereitos das persoas.

Pero tamén traballamos dende os Concellos, que teñen un papel fundamental no noso país, Galiza, por seren as entidades máis próximas ás persoas, as que mellor coñecen as necesidades da poboación, e as que máis capacidade de resposta deberían ter ante certos problemas da cidadanía.

Mais isto semella non interesar en altas instancias, de aí o interese en fusións innecesarias e en reformas lexislativas que non fan máis que converter aos Concellos en títeres das Deputacións, que como é ben sabido por todos, son un nicho de amiguismo, clientelismo e corrupción.

E sen embargo, a pesares de todo isto, temos bo exemplo de Concellos gobernados polo BNG que son modelo de xestión, e sono precisamente porque dita xestión é levada a cabo pensando nas persoas, na defensa dos servizos públicos, na creación de espazos humanizados, en protexer os entornos naturais, o noso patrimonio tanxible e intanxible e defendendo os nosos sectores produtivos, que tanta falla fan para xerar emprego e deter a lacra da emigración da mocidade.

E iso é o que queremos nós para a nosa vila. Queremos continuar coa senda do traballo iniciado polos nosos compañeiros, os que están no noso Concello, e tamén noutros dos que tomamos como exemplo. Queremos que a nosa vila sexa tamén un exemplo de xestión centrado nas persoas, unha xestión na que teñan voz as veciñas e os veciños, a mocidade e os distintos colectivos. Queremos unha Noia para todas e todos.

E para isto creo sinceramente que temos á mellor candidatura posible, que está conformada por xente verdadeiramente comprometida e que non lle ten medo nin ao esforzo nin ao traballo.

Somos conscientes de que este labor é duro, e ás veces ingrato, pero cando unha persoa, un grupo, ten unhas conviccións fortes e traballo de xeito unido, é capaz de seguir adiante, transformando a sensación de impotencia e desánimo que moitas veces nos invade, porque somos humanos e a responsabilidade é unha carga pesada, en forza e empuxe para continuar traballando.

E para iso, que dúbida cabe, todas e todos somos imprescindible, pero vós, os/as que estades aí, sodes os que dades sentido ao noso proxecto e ao esforzo que poñemos en levalo adiante.

QUE NOIA SEXA UN CONCELLO DOS VECIÑOS E VECIÑAS, UN LUGAR NO QUE SE POIDA VIVIR DIGNAMENTE, DEPENDE DE TODOS NÓS!

E xa para rematar (…) quérovos reiterar as grazas por estar hoxe aquí. Pero sobre todo, quero darlle as grazas aos nosos concelleiros Susa e Bieito pola grande labor que fan e o apoio que nos prestan nesta andadura, e especialmente aos meus compañeiros e compañeiras da candidatura, e dicirlles que en verdade é para min un orgullo poder traballar con eles. Moitas grazas. Un aplauso para eles, que ben o merecen. ÁNIMO E ADIANTE!!