O BNG atendeu as queixas da Asociación de Veciños do Couto
A Asociación de Veciños do Couto, do municipio de Noia, rexistrou neste Concello unha comunicación ao Goberno local denunciando que “non se están acometendo as obras acorde ó proxecto de obra, pois non reflexan en moitos puntos o que está aprobado no contrato e nos planos de obra”.
Nunha reunión co grupo municipal do BNG e co deputado provincial da formación, Xosé Luís Penas, na propia estrada obxecto da intervención, membros de esta asociación explicaron aos representantes nacionalistas que a execución non diferencia entre a vía para os vehículos e o espazo reservado para os peóns, como si se recollía no proxecto. Ademais, tamén alertaron no cambio nos materiais empregados así como da pouca delicadeza coa que se están a realizar os acabados coas fachadas das vivendas.
Desde a Asociación tamén transmitiron que obtiveron da propio Goberno municipal a información de que non serían colocadas as árbores proxectadas para a mellora paisaxística, crear efecto sombra e servir de separación entre prazas de aparcamento, así como outros elementos constitutivos da actuación.
Penas sinalou que o Concello de Noia “debe asegurarse, como máximo responsable da actuación, de que se están a cumprir os pregos de contratación desta licitación”. En todo caso, aclarou, “calquera modificación debería ser sometida de novo a aprobación do pleno”. Pola súa parte, o portavoz do BNG no municipio noiés, Ricardo Suárez, afirmou “que o Goberno municipal debe explicar se houbo cambios substanciais que afectaron esta obra e, de ser así, por que non foron sometidos a votación plenaria”.
Suárez avanzou a aposta do grupo nacionalista por realizar actuacións urxentes na contorna do Couto como son a instalación do bombeo das augas fecais recollidas do lugar de Campo de Lamas, a creación dun local social para a veciñanza do Couto e a regulación do tránsito rodado na ponte medieval sobre o río Traba.