O BNG de Noia solicita a adecuación do tráfico e o aparcamento en San Lázaro
Durante os días nos que se realiza a feira en Noia, xoves e domingos, así como durante aquelas xornadas nas que por diferentes motivos existe unha grande afluencia na zona sur do municipio de Noia, sexa por festexos, eventos deportivos ou calquera outra razón, danse unhas circunstancias no barrio de San Lázaro que poñen en perigo aos peóns e alteran a convivencia veciñal.
Estes problemas son motivados pola falta de control e ordenación do tráfico por parte do Goberno municipal, provocando así enfrontamentos entre peóns e condutores. É por isto necesario limitar a velocidade nesta zona urbana residencial e impedir o aparcamento en zonas axardinadas de titularidade municipal e beirarrúas, así como anular a posibilidade de que os vehículos a motor atravesen zonas peonís e beirarrúas.
Por isto, desde o grupo do BNG levaremos estes problemas ao próximo pleno da Corporación municipal, ao tempo que lle lembraremos ao Goberno municipal que en San Lázaro existen zonas de xogos para as crianzas e gran cantidade de negocios que xeran moito tránsito, polo que a falta de ordenación do tráfico provoca unha inseguridade peonil que se deriva en múltiples chamadas de denuncia por parte da cidadanía á Policía Local de Noia, sen que desde a Administración local se tome ningunha medida para solucionar a cuestión.
En consecuencia, solicitaremos a instalación de elementos urbanos nas zonas peonís do barrio de San Lázaro que impidan o paso dos vehículos a motor, a adecuación e sinalización das velocidades de tránsito nas vías urbanas do barrio, o establecemento de medidas disuasorias que provoquen a adecuación da velocidade de tránsito, o aumento de control por parte da Policía Local, reordenar o tráfico de forma que se posibilite o estacionamento en ambas marxes da estrada sen que este feito impida o bo funcionamento do tránsito de vehículos e persoas, regularizar os aparcamentos en fincas privadas e municipais establecendo entradas para acceder aos mesmos sen invadir zonas de tránsito peonil e beirarrúas, establecer alternativas para o estacionamento de vehículos e sinalizar as zonas de tránsito peonil e aquelas nas que está prohibido o estacionamento.