O BNG de Noia denuncia o incumprimento deliberado da normativa do Casco Histórico
Técnicas de Patrimonio e da oficina de Rehabilitación certificaron a necesidade de aprobación en Comisión das actuacións sobre contornas protexidas, como é o ámbito de museización do acueduto medieval. Tres meses despois, o Goberno municipal, no canto de repoñer a legalidade e admitir o seu importante erro, segue a alardear do seu incumprimento das normas.
O Goberno municipal de Noia encargou a comezos de verán o pintado dun mural nunha parede que conta protección ambiental no Plan Especial de Protección e Rehabilitación Integral do Casco Histórico (PEPRICH) e na que se atopa exposto o acueduto medieval da vila. Unha actuación que se desenvolveu sen cumprir ningún dos procedementos necesarios.
O portavoz da nosa formación, Ricardo Suárez, denunciou o “incumprimento deliberado da normativa do Casco Histórico por parte do Goberno municipal”. Unha realidade que foi certificada polas técnicas de Patrimonio e da oficina de Rehabilitación despois das preguntas realizadas polo noso grupo na Comisión de Seguimento do PEPRICH.
Naquela Comisión o persoal técnico e os grupos políticos coincidiron na necesidade de realizar unha nova reunión para dar unha solución ao problema e revocar a situación de ilegalidade da actuación. Porén, xa pasaron tres meses e no canto de repoñer a legalidade e admitir o seu importante erro, seguen a alardear do seu incumprimento das normas.
Desde o BNG estamos a prol da promoción da arte urbana e valoramos positivamente o traballo que desenvolven os colectivos especializados no deseño de murais, mais é inadmisible que o Concello salte as normas que a veciñanza ten que cumprir.
Calquera persoa que queira actuar sobre unha fachada ou vivenda que conta cun nivel de protección na contorna do casco histórico ten que encargar un exhaustivo proxecto e agardar a que a Comisión de Seguimento do Plan Especial do Casco Histórico lle conceda licenza para actuar, algo que contrasta coa impunidade deste Goberno ao actuar á marxe da legalidade.
Con esta actitude están desvalorizando un ben patrimonial tan importante como é o acueduto medieval, nun lugar foi concibido como unha contorna de museización do acueduto na rúa, nunha actuación vangardista que debería ser coidada e respectada.
A importancia do acueduto
A divulgación da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia, nun caderno titulado ‘Augalevada’ da súa serie ‘Memoria Viva’, lembra que “en setembro de 2009, por mor das obras de enlousado da rúa Porta da Vila, apareceron 12 metros lineais do acueduto medieval. Os canos foron retirados e incorporados á rúa no ano 2012, como continuación do seu curso pola Rúa do Rego (actual Rodríguez Cadarso), segundo unha proposta vangardista de reintegración urbana en sintonía coa esencia histórica do lugar. A traza orixinal foi marcada na calzada”.
“Exemplo de enxeñería hidráulica medieval, unha rede de canos de pedra perforados e soterrados levaba a auga desde o manancial, situado ao nordeste (Ousoño), ata unha cisterna ou surtidor situado a 2,5 quilómetros, fóra da muralla da vila. Desde aquí a auga distribuíase ás fontes intramuros. Así, baixo terra, tratábase dun monumento público oculto, pois tiña que garantir o subministro infalible e indispensable de auga en caso de asedio” destaca o caderno da Oficina de Rehabilitación.