O BNG mantén a aposta pola construción de vivenda pública en Noia

O BNG mantén a aposta pola construción de vivenda pública en Noia

O BNG NON APOIARÁ A PRETENSIÓN DO GOBERNO LOCAL DE NOIA DE DESISTIR DA CESIÓN DA PARCELA MUNICIPAL AO IGVS PARA A CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

O mes pasado o Goberno Local anunciou a súa pretensión de desistir da cesión efectuada no mes de xullo do ano 2011 dunha parcela de propiedade municipal ao IGVS para que este organismo, dependente da Xunta de Galicia, construíse na mesma vivendas de promoción pública e proceder á recuperación da mesma.

O primeiro que ten que saber o actual Goberno Local son as condicións coas que se adoptou o acordo de cesión definitiva, tomado na sesión do pleno da Corporación Municipal celebrado o día 29 de xullo do ano 2011. Entre outras, destaca a seguinte: que os fins para os cales se cedeu se cumpran no prazo máximo de cinco anos. É obvio que o devandito prazo aínda non se cumpriu, e en consecuencia o que hai que facer é insistir na necesidade da construción das vivendas de promoción pública, xa que para iso están constituídos os patrimonios municipais do solo, sendo o destino principal dos bens que os compoñen, precisamente a promoción e construción de vivenda pública.

Para o BNG a función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carece hoxe de valor diante dun sistema que a considera un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado, negando o dereito fundamental a un teito que acolla ás persoas e permita que se desenvolvan socialmente. Os partidos hexemónicos estatais, en conivencia cos poderes económicos, converteron en papel mollado o dereito social de toda persoa a unha vivenda, un dereito recoñecido nas principais normas internacionais con criterios para esta ficar fóra, sobre todo, de se considerar simplemente como un ben de mercado, e o Concello de Noia non pode partillar deste proceder.

No comezo deste ano levamos a cabo varias xornadas de recollida de sinaturas que demostraron a sensibilidade do pobo de Noia con este tema. Os centos de adhesións recollidas foron entregadas no IGVS xunto coa documentación do acordo plenario de cesión da parcela e un escrito no que insistiamos no necesaria que é a construción de vivenda pública no noso concello. A día de hoxe aínda non obtivemos resposta da administración galega pero igualmente seguiremos loitando pola consecución deste obxectivo que cremos prioritario para Noia.

En consecuencia emprazamos ó goberno local a manter a cesión da parcela a favor do IGVS ao tempo que esixa do mesmo a construción das vivendas de promoción pública tan necesarias en Noia, xa que non todo vale nese esforzo que están a facer por diferenciarse do realizado polo anterior goberno local.